Fernández-Tapias anima aos vigueses a celebrar a primeira edición da Festa da Muiñeira coa participación de 15 agrupacións culturais

A delegada territorial da Xunta en Vigo presentou o evento que chegará o vindeiro domingo as rúas da cidade

Vigo, 23 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este xoves a Festa da Muñeira que se celebrará o vindeiro domingo, 26 de xuño, na contorna do Porto e das Avenidas. Acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria, Jésús Vázquez Almuiña; o director de Termavi, Tomás Palacios, e a presidenta da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, Concepción Álvarez, a representante autonómica animou aos vigueses a achegarse a zona do porto para presenciar a primeira edición do evento.

“A muiñeira sempre estivo moi vinculada con Vigo e a pesar de que está presente en moitas festas locais, non tiña unha data dedicada exclusivamente a ela desde hai anos e este baleiro vén ser cuberto agora pola Festa da Muiñeira, un novo evento que imos seguir apoiando desde a Xunta de Galicia para que teña continuidade no futuro”, sinalou.

A festa da danza tradicional terá lugar o próximo 26 de xuño na contorna das Avenidas e do Náutico ás 19:30h. Quince grupos folclóricos de varias parroquias da cidade olívica ocuparanse de facer un percorrido sonoro pola beira do paseo marítimo. Na Festa da Muiñeira, os grupos bailarán en catro puntos diferentes para, finalmente, reunirse na zona do Nadador, en A Laxe, e bailar todos á vez nunha gran peza conxunta.

Os encargados da organización son a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, unha entidade sen ánimo de lucro formada por 33 asociacións viguesas que ven pisando forte no terreo da tradición folclórica e a difusión cultural. Nesta ocasión contan coa colaboración e patrocinio da Xunta, Autoridade Portuaria de Vigo, Termavi, Gadis, Froiz e Frutas Nieves.

Como adianto deste evento, o pasado 11 de xuño tivo lugar un flashmob na rúa do Príncipe que sorprendeu aos viandantes da peatonal cunha danza improvisada con música da man do grupo Cans de Palleiro e pasos de O Fiadeiro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022