O Museo do Castro de Viladonga abre a programación de verán cun obradoiro sobre plantas medicinais

Dirixido a público adulto, desenvolverase o domingo 26 de xuño en horario de mañá e cómpre inscrición previa para participar

A iniciativa forma parte da ampla programación didáctica e de lecer desenvolvida polo centro, na que participaron preto de 2500 escolares no que vai de ano

O Conxunto Etnográfico do Cebreiro comeza tamén as actividades estivais en xullo cun encontro sobre cestería
 

Castro de Rei (Lugo), 24 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, abre a programación de verán co obradoiro A botica do castro de Viladonga, que terá lugar este domingo 26 de xuño de 10,00 a 14,00 horas. Dirixido a público adulto e impartido pola artesá Lola Tourón, a iniciativa ten como obxectivo facilitar o coñecemento e utilización das plantas medicinais ao tempo que se afonda na contorna natural do xacemento arqueolóxico.

 

A actividade inclúe unha ruta para a identificación das plantas con propiedades medicinais, coa explicación das técnicas de recolección, secado e conservación. Tamén se abordará a extracción das propiedades a través de aceites e alcohois, e a elaboración de ungüentos, pomadas e tratamentos.

 

Ademais, no obradoiro prepararanse mostras sobre bases de aceites de plantas, cera de abella e arxila, que se repartirán entre as persoas participantes. O número máximo de prazas está limitado a 15, polo que para asistir cómpre inscrición previa a través do teléfono 982 87 01 60.

 

Cestería no Conxunto Etnográfico do Cebreiro

No caso do Conxunto Etnográfico do Cebreiro, a programación estival comeza en xullo coa celebración do I Encontro Internacional de Cestería, o día 2. Ambas propostas forman parte da ampla programación didáctica e de lecer desenvolvida ao longo do ano no Museo do Castro de Viladonga e no Conxunto Etnográfico do Cebreiro, dirixida tanto a centros de ensino como ao público xeral. No caso de Viladonga, desde xaneiro preto de 2.500 escolares de medio cento de colexios e institutos participaron nas visitas guiadas, con percorridos polo xacemento e as salas do museo.

 

O alumnado puido desenvolver tamén distintos obradoiros, como o dos tecidos para descubrir a técnica de elaboración de teas e o funcionamento dos teares verticais dos que hai constancia no período da romanización. Outras das propostas afondaron na olaría, coa elaboración de pezas de barro a man para introducirse de xeito activo na cerámica castrexa, e na numismática, co coñecemento do proceso de cuñaxe dunha moeda.

 

Por outra banda, co taller de arqueoloxía os escolares elaboraron un caderno de campo no que, a través de diversas actividades, van descubrindo os usos e funcionalidades das distintas estruturas do castro. A eles sumouse recentemente un obradoiro sobre as diferentes formas de facer lume documentadas ou das que hai evidencias ata a época romana.

Data de actualización: 24/06/2022