A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Sardiña e do rego de Aneiros no concello de Ferrol

Estes traballos desenvólvense en distintos treitos dos ríos, ao longo de case 3 km, no seu percorrido por diversos lugares da parroquia de San Salvador de Serantes

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e de limpeza no treito interurbano do río Sardiña e do rego de Aneiros, no concello de Ferrol.

Os traballos execútanse en distintos tramos destes ríos, ao longo de case 3 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por diversos lugares da parroquia de San Salvador de Serantes.

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/06/2022