As empresas colaboradoras de Ciber.gal poderán facer uso gratuíto dunha plataforma que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais

Grazas a un acordo asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CCI, as entidades adheridas ao Nodo Galego de Ciberseguridade poderán empregar esta plataforma en ata tres proxectos de xeito gratuíto

O Centro de Ciberseguridade Industrial é unha das entidades adheridas ao Nodo CIBER.gal

Con esta colaboración refórzanse as actuacións dirixidas ao tecido empresarial, que en Galicia rexistrou no primeiro trimestre do ano máis de 6.300 estafas telemáticas

Ciber.gal é a primeira estrutura de colaboración público – privada en materia de ciberseguridade en España, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade

Este ano iniciarase a construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, cun investimento previsto duns 4,2 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

As entidades adheridas ao Nodo de Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, dispoñen de novos recursos para reforzar a ciberseguridade no ámbito industrial. Así se recolle no acordo asinado esta semana entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro de Ciberseguridade industrial (CCI) que pon ao disposición do Nodo a súa plataforma RECIN, que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais.

 

As entidades vinculadas ao nodo poderán empregar a plataforma do CCI en ata tres proxectos sen custe algún.

 

Grupo de traballo específico para o tecido empresarial

A ciberseguridade no tecido empresarial é crucial e con este acordo súmanse recursos para a liña de traballo que se desenvolve desde Ciber.gal para concienciar, previr e mellorar a ciberseguridade nas empresas galegas.

 

O camiño cara á dixitalización da industria xera grandes oportunidades, pero sen ir da man dunha aposta pola ciberseguridade pode xogar en contra. Así o reflicten os últimos datos oficiais que sinalan que no primeiro trimestre de 2022 rexistráronse en Galicia 6.345 estafas cometidas a través de medios telemáticos. Unha tendencia que vai á alza, xa que os delitos cometidos por esta vía nos tres primeiros meses do ano creceron un 50% respecto  a os rexistrados no mesmo período en 2021.

 

De aí que o Nodo CIBER.gal faga fincapé na identificación, deseño e execución de iniciativas de valor para o tecido empresarial neste campo grazas á colaboración dos axentes vinculados ao seu ecosistema.

 

Así, en xuño de 2021 constituíuse un grupo de traballo específico nesta liña, englobando actividades destinadas a distintos perfís profesionais, sectores e tipos de empresa. Liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tamén participan neste grupo de traballo o Incibe, a Fegamp, as catro Deputacións e conta coa colaboración dunha vintena de empresas. Este grupo realizou nos primeiros seis meses de 2022 preto dunha vintena de actividades, entre xornadas, obradoiros e relatorios tanto presenciais como online nas catro provincias galegas. Este acordo de colaboración co CCI é unha iniciativa máis do grupo de traballo para fortalecer o nivel de ciberseguridade da industria galega.

 

Nodo Ciber.gal

A Xunta de Galicia lidera dende a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. Trátase da primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España. Ciber.gal ten como obxectivo dar resposta á cidadanía, empresas e sector público en materia de ciberseguridade así como o fomento do talento e a innovación neste eixo.

 

Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

 

Centro de Excelencia de Ciberseguridade

Entre as medidas para impulsar a ciberseguridade en Galicia, este ano a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,2 millóns de euros. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.

 

Terá como misión contribuír ao fortalecemento e potenciación da seguridade na Administración pública, as empresas e a cidadanía, así como apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Potenciará, así mesmo, as relacións institucionais e a promoción do nodo Ciber.gal en España e Europa.

 

Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.

Data de actualización: 24/06/2022