A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe o centro Meniños na localidade coruñesa de Teo

A Xunta publica a orde para financiar a gratuidade nas escolas infantís privadas e de iniciativa social cun investimento de 41 M€

As familias non teñen que realizar ningún tipo de papelame para beneficiarse desta medida pioneira

Na actualidade xa se benefician da gratuidade os segundos fillos e sucesivos, e a extensión desta medida tamén aos primeiros a partir do vindeiro mes de setembro beneficiará a unhas 30.000 familias galegas
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022 
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou hoxe, nunha visita á escola infantil Meniños de Teo, que as escolas infantís de titularidade privada e de iniciativa social xa poden solicitar fondos para aplicar a gratuidade. A Xunta de Galicia publicou onte no DOG a orde para financiar esta medida, cun investimento de máis de 41 millóns de euros.


Esta medida da gratuidade deseñouse de xeito que as nais e pais non teñan que realizar ningún tipo de papelame a maiores, xa que todas as xestións realízanse entre a Xunta e a propia escola.

 
Medida pioneira

Galicia é a primeira e única Comunidade Autónoma na que a educación infantil será totalmente gratuíta para todos os nenos e en todas as escolas infantís, tanto se as familias escollen unha pública da Xunta, como unha municipal, unha de iniciativa ou unha privada. Na actualidade, xa se benefician desta gratuidade os segundos fillos e seguintes e, a co inicio do novo curso 2022-2023 amplíase aos primeiros fillos.

 

O número de familias que se beneficiarán da extensión da gratuidade da atención educativa a todos os nenos de 0 a 3 anos estímase en 30.000. Isto suporá un aforro medio que xirará sobre os 1500 e os 2000 euros por neno ao ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022