Rueda informa da conxelación por duodécimo ano consecutivo dos prezos das matrículas universitarias, o que suporá un aforro de 18,7 M€ para as familias

Incide en que o próximo curso unha familia galega vai desembolsar polos estudos universitarios dos fillos exactamente a mesma cantidade que hai 12 anos, segundo o decreto de prezos públicos aprobado polo Consello da Xunta

Di que os prezos medios de todas as matrículas sitúanse en 11,89 €/crédito, exactamente igual que ata o de agora

Lembra que a política que Galicia practica desde hai máis dunha década, sendo pioneira en España, é un modelo que agora se está a estender ao resto do Estado
 

Compartir
  • whatsapp
 O presidente da Xunta informou hoxe da decisión por parte do Consello da Xunta de conxelar, por 12 ano consecutivo, os prezos das matrículas universitarias nas tres universidades públicas galegas para o vindeiro curso 2022-23.

Isto permitirá un aforro de 18,7 M€ anuais para as familias e volve a situar a Galicia como a comunidade coas taxas universitarias máis baratas de España, salientou, ao tempo que sinalou que cada alumno poderá aforrar 260,40 €/curso no caso dos graos, 513 €/curso para nos másters habilitantes e ata 995,40 €/curso no resto de máster universitarios.

Sobre este punto, lembrou que esta medida se enmarca nunha política que Galicia practica desde hai máis dunha década, sendo pioneira en España e que agora se está a estender ao resto do Estado.  “Buscamos garantir a igualdade de oportunidades no acceso á univerdidade de todas as persoas e apoiar ás familias galegas para que teñan que facer un menor esforzo económico para costear os estudos dos seus fillos”, dixo

Máis polo miúdo, explicou que as taxas universitarias se manteñen invariables, cun prezo promedio de 11,89 €/crédito para todas as primeiras matrículas de grao e de máster non habilitantes (enfocados á especialización de coñecemento ou á investigación científica) e habilitantes (necesarios para exercer unha profesión). O que supón que Galicia sexa a comunidade máis barata do estado nos estudos de máster non habilitante e a segunda no caso dos graos e de máster habilitante (tan só superada por Canarias a moi pouca distancia).

Matrículas de grao

No caso das matrículas de grao o prezo medio manterase por duodécimo ano consecutivo en 11,89 €/crédito, o que supón un aforro de 4,34 euros con respecto aos 16,13 €/crédito de media de España, o que sitúa a Galicia como a segunda comunidade más barata tras Canarias.

 

As de grao acaparan o 88,65% do total de matrículas do Sistema Universitario Galego, polo que con esta conxelación de taxas, un estudante galego de grao pode aforrar, con respecto á media de España, un total de 260,40 euros ao curso en matrículas.

 
Matrículas de máster

No que atinxe aos máster, de cara ao vindeiro curso mantéñense conxeladas de novo as taxas dos máster habilitantes e non habilitantes, tamén cun prezo medio de 11.89€/crédito.

 

No caso dos máster habilitantes (necesarios para exercer unha profesión), Galicia ocupa o segundo lugar con prezos máis baratos tras Canarias. A taxa media de matrícula para estes estudos mantense nos 11,89 €/crédito (igual que os de grao e máster non habilitante), cun aforro de 8,55 € con respecto ao prezo medio do Estado, que se sitúa nos 20,44 €/crédito. Isto fai que as familias galegas cuxos fillos cursen o vindeiro ano un máster habilitante nalgunha das universidades galegas aforren unha media de 513 euros por curso en comparación coa media de España. As matrículas nesta modalidade representan o 4% do conxunto do sistema.

 

No caso dos máster non habilitante, Galicia é a comunidade más económica, cun prezo promedio de 11,89€/crédito, polo que o aforro medio para o vindeiro ano para un estudante galego será de 16,59€/crédito con respecto á media estatal (situada en 28,48€/crédito), o que sumará un aforro por alumno de 995,40€/ano. O alumnado que cursa este tipo de máster non habilitantes representa o 7,35% do sistema. 

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022