A actividade da Fundación Semana Verde medrou un 50% na primeira metade do ano con respecto a 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe no Recinto Feira Internacional de Galicia Abanca a xuntanza do Padroado, na que se fixo balance e se avanzaron as previsións para os vindeiros meses

Houbo 12 grandes eventos, ademais doutros 14 de menor dimensión e das sesións semanais da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, que sumaron unha asistencia de case 135.500 persoas
 

Silleda (Pontevedra), 23 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe en Silleda a xuntanza do Padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, na que presentou o balance da actividade desenvolvida ata xuño e se avanzaron as previsións para o que queda de ano.

Segundo o informe, ata a actualidade tiveron lugar 12 eventos principais, con seis feiras (Enerxétika, Aquafuture Spain, Auto Classic, Motor Show, Motor Okasión e XLIII Semana Verde), o evento ecuestre Concursos Hípicos no Camiño e cinco procesos de oposicións. Esta cifra representa un aumento do 50% con respecto ao mesmo período de 2021, no que houbera oito grandes eventos, todos de procesos selectivos.

A maiores, figuran as sesións semanais da Central Agropecuaria de Galicia Abanca e outros 14 eventos de menor dimensión, moitos deles froito do acordo de colaboración entre a Fundación e o Concello. A actividade organizada de xaneiro a xuño sumou unha asistencia de case 135.500 persoas, das que máis de 95.300 foron á XLIII Abanca Semana Verde. Cómpre sinalar que nesta feira se acadou o récord de expositores e metros cadrados nos seus salón de alimentación e turismo.

Por outra banda, de cara aos vindeiros meses a Fundación Semana Verde de Galicia ten xa previstos catro grandes eventos. Trátase da feira do sector forestal Galiforest Abanca, que terá lugar do 30 de xuño ao 2 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón, e do encontro informático XGN R Encounter, programado para outubro. Xa en novembro celebrarase Sedexpo e, en decembro, Silleda Park. A estimación é que asistan máis de 16.000 persoas.

A actividade feiral desenvolvida está a permitir a superación dos obxectivos do presuposto de máis de 3M€ establecido para 2022. Encontros como a Semana Verde, Turexpo e a feira da Enerxía supuxeron importantes beneficios, como se espera que aconteza con Galiforest.

A Fundación Semana Verde fai unha boa valoración dos resultados, xa que a situación derivada da covid-19 supuxo que empresas e profesionais aínda desistisen de participar nalgún dos eventos ou contasen con protocolos restritivos canto á asistencia. Segundo se salienta no informe presentado, reflíctese unha recuperación desde punto de vista xeral e feiral.

Superávit récord en 2021

Por outra banda, aprobáronse as contas do exercicio 2021, no cal se acadou un superávit récord na Fundación de 867.000€, debido ao arranque da actividade tras a pandemia. Isto supuxo a celebración do número máis elevado de eventos maiores nun ano. Leváronse a cabo 27, dos cales 19 foron procesos selectivos.

En 2021 destacou ademais a recuperación de Central Agropecuaria de Galicia Abanca, que aumentou considerablemente o número de transaccións económicas, pasando de 17,6 millóns de euros en 2019 a 21,2€ en 2021.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022