A Xunta destaca a competitividade do ecosistema galego de innovación no marco europeo

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, inaugurou hoxe a xornada de presentación das liñas de axuda á I+D+i empresarial da Xunta e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI)

Salienta que as entidades galegas aumentaron o retorno acadado tanto nos programas europeos como estatais, demostrando a súa competitividade en convocatorias moi exixentes

Subliña que Galicia porá en marcha os apoios necesarios para que as empresas galegas, especialmente as pemes, accedan a financiamento estatal e europeo, como os Bonos de Innovación ou o programa Neotec
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou hoxe a competitividade do ecosistema galego de I+D+i no marco europeo que, segundo dixo, se verá reforzada coa nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

 

A directora da Axencia Galega de Innovación inaugurou hoxe a xornada de presentación das liñas de axuda á I+D+i empresarial da Xunta e do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), onde remarcou que Galicia porá en marcha os apoios necesarios para que as empresas galegas, especialmente as pemes, poidan accedar a programas de financiamento estatal e europeos.

 

Nesta liña, mencionou os Bonos de Innovación, cuxa convocatoria está aberta ata o vindeiro 11 de xullo, ou o programa de rescate de proxectos Neotec, que no 2021 permitiu apoiar 15 empresas tecnolóxicas galegas cun investimento total de 3,35 millóns de euros.

 

Argerey animou aos axentes do ecosistema galego de innovación a concorrer ás convocatorias europeas e estatais co apoio da Xunta a través da Axencia Galega de Innovación. E, ao respecto, resaltou o retorno acadado no último programa marco europeo de I+D+i, Horizonte 2020, que aumentou un 120% máis, pasando de 87 a 191,1 millóns de euros (o 3,13% do conxunto do Estado). Este incremento tamén se produciu a nivel estatal, aumentado un 60% as axudas captadas para Galicia en convocatorias do CDTI en 2021 respecto do 2018.

 

Segundo apuntou, o tipo de propostas aprobadas repártense de forma homoxénea entre as distintas convocatorias deste organismo, pero destacan de xeito especial os resultados acadados en proxectos apoiados a través de convocatorias de concorrencia competitiva, como o programa Cervera, Misións Ciencia e Innovación ou o Programa Tecnolóxico Aeronáutico. Nas súas palabras, estes datos “demostran a competitividade e as capacidades dos axentes do ecosistema galego de innovación en convocatorias moi exixentes”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022