A Xunta abre a vindeira semana o prazo de solicitude das axudas dos Bonos Consolida e ES-transforma de impulso e consolidación da economía social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ten previsto o próximo mércores a publicación da convocatoria destes programas dotados con tres millóns de euros para apoiar máis de 220 entidades galegas

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022 A Xunta publicará a vindeira semana as convocatorias de axudas dos bonos Consolida e ES-Transforma para seguir impulsando en Galicia a creación e a consolidación de entidades de economía social, un modelo cun impacto na comunidade galega de máis de 3.000 millóns de euros, que representa o 7% do PIB e que só entre cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral e centros especiais de emprego está formado por máis de 3.100 compañias que dan traballo a 14.000 persoas.

Trátase da segunda edición destes programas que inclúen importantes novidades con respecto ao pasado ano. Está prevista que se publique a convocatoria o próximo mércores, polo que os apoios poderán solicitarse desde o xoves e ata o próximo 30 de setembro.

No caso do Bono Consolida, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, apoiarase con axudas máximas de ata 20.000 euros a consolidación de entidades de economía social mediante axudas que inciden na transformación dixital e este ano, como novidade, tamén na mellora da eficiencia enerxética para impulsar a actividade económica das empresas contribuíndo ao incremento da súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.  

A Xunta prevé beneficiar con esta iniciativa a 200 empresas (cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especiais de emprego) que estean inscritas nos rexistros administrativos de Galicia e conten cunha antigüidade mínima de 42 meses.

Por medio deste bono financiaranse, entre outros conceptos, a adquisición de equipamento informático; o desenvolvemento de softwares e páxinas web; gastos de marketing, comunicación ou relanzamento comercial; para a obtención de certificados de calidade; a mellora na eficiencia enerxética, reformas do local; compra de mobiliario; a creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade; e a realización dun plan de protección de datos.

Permítese nesta edición da convocatoria que en tan só un dos conceptos subvencionables o importe total sexa o máximo de 20.000 euros facilitando, por exemplo, a reforma dun local, agás nos conceptos por marketing, obtención de certificacións de calidade, imaxe corporativa e plan de protección de datos nos que se financiará como tope 3.000 euros.   O Bono prevé anticipos de ata o 90% e cubrirá ata o 80% do custo subvencionable cos límites establecidos.

O Bono ES-Transforma

O Bono ES-Transforma, con 1,5 millóns de euros, por outra banda, impulsará, ao igual que o pasado ano, a recuperación de negocios en crise ou sen opción a remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, apoiando ás persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade destes negocios mediante a creación dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral que lles permita manter os postos de traballo e a actividade económica.

 

Como novidade este ano, amplíanse os beneficiarios. Financiarase tamén a constitución en cooperativa ou sociedade laboral de todo tipo de sociedades por tratarse dun modelo sustentable no tempo, resiliente, solidario e cunha organización onde a prioridade son as persoas; e fomentarase a unión de persoas autónomas que precisen acadar unha maior seguridade, fortaleza e solvencia.

 

O programa, co que a Xunta prevé beneficiar a unhas 20 entidades, inclúe financiamento para os mesmos conceptos que o Bono Consolida, incorporando ademais os gastos derivados do asesoramento legal, rexistro e notaría para a constitución ou transformación a cooperativa ou sociedade laboral.

 

ES-Transforma, con apoios máximos de ata 74.000 euros, tamén inclúe anticipos do 90% da axuda concedida, e financiará ata o 80% dos custes cun máximo de 50.000 euros, excepto nos conceptos por marketing, obtención de certificacións de calidade, imaxe corporativa e plan de protección de datos nos que se financiará como tope 3.000 euros; e 6.000 euros como máximo para os gastos de asesoramento legal, notaría e rexistro. O tope de 50.000 euros tamén poderá concederse por un único concepto.

 

Ademais, como novidade, as axudas poden incrementarse ata 24.000 euros se os beneficiarios cumpren un total de oito supostos  polos que se aumenta o apoio en 3.000 euros por cada un deles: entidade situada nun concello rural; constituída na súa maior parte por mulleres, menores de 30 anos; emigrantes retornados; maiores de 45; persoas con discapacidade; persoas trans; ou no caso de que a actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres se atopen subrepresentadas.

 

No caso dos dous bonos, o crédito orzamentado poderá ampliarse se fora necesario.

 

Os dous programas enmárcanse no compromiso da Xunta de reforzar a economía social, un eido ao que destina este ano máis de 35 millóns de euros. A Consellería de Promoción do Emprego e igualdade vén de desenvolver a Estratexia Galega de Economía Social, á que entre 2019 e 2021 investíronse máis de 89 millóns de euros e traballa, na actualiade, no deseño da segunda.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/06/2022