A Xunta investirá máis de 153.000 euros na mellora de tres parques empresariais na Coruña

O delegado da Xunta visitou o polígono industrial Pedrapartida no que a Xunta aportará 106.000 euros para levar a cabo a pavimentación dos aparcamentos e viarios internos do parque

Compartir
  • whatsapp

 A Coruña, 23 de xuño de 2022 O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintenla, visitaron esta mañá o polígono de Pedrapartida no que se investirán máis de 133.000 euros, cun apoio da Xunta de máis de 106.000 euros, para levar a cabo a mellora e pavimentación dos seus aparcadoiros e viarios internos. O representante do Goberno galego lembrou que o ano pasado neste mesmo parque empresarial investíronse outros 157.000 euros, cun apoio da Xunta de máis de 120.000 euros, para mellorar o pavimento das súas conexións internas.

Durante a visita o representante do Goberno galego informou que a Xunta apoiará, este ano, a tres polígonos industriais da comarca da Coruña cun investimento de máis de 153.000 euros, para a mellora das súas  infraestruturas o que favorecerá un investimento total de máis de 323.000 euros. Trenor destacou que a través deste apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais de Coirós en Pedrapartida, Cambre en Espíritu Santo e Oleiros no parque empresarial de Icaria.

Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25% da axuda concedida.

 

Con esta orde de axudas, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

 
 
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022