A Xunta trasládalle ao Ministerio tres alternativas viables ante o peche da A-6 que permiten o paso dos transportes especiais e evitan o tránsito polo núcleo de Pedrafita

O Goberno galego realizou un estudo de mobilidade con ánimo construtivo de achegar solucións inmediatas ante un problema de índole nacional que se prevé que se alongue no tempo e con efectos económicos e sociais de envergadura

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022 A Xunta remitiulle esta mañá ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana tres alternativas viables que permiten o tráfico dos transportes especiais e evitan o tránsito de vehículos polo núcleo de Pedrafita ante o peche do viaduto do Castro na autovía A-6.

 

O Goberno galego elaborou estas propostas, que están consensuadas co Goberno de Castela e León, con ánimo construtivo de achegar solucións ante o que é un problema de índole nacional e con efectos económicos e sociais de envergadura.

 

Ante a evidencia de que a solución definitiva ao viaduto colapsado se vai prolongar no tempo, tendo en conta que, polo momento, non se iniciaron os traballos de enxeñería forense que permitan coñecer as causas do acontecido, a Xunta decidiu elaborar un estudo propio de mobilidade cos datos dos que dispón.

O obxectivo do Goberno galego é contribuír a achegar solucións ante unha situación que non se pode manter indefinidamente no tempo por motivos de seguridade viaria e polo impacto económico e social que está a ocasionar.  

 

Deste xeito, e ao igual que xa fixo no mes de marzo cando se derrubou un treito da estrada autonómica de acceso ao Courel, para o que buscou unha alternativa provisional, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, traballou nos últimos días na busca de solucións ao principal problema inmediato derivado do peche da A-6 polo colapso do viaduto do Castro: a imposibilidade de paso dos transportes especiais e a acumulación de tráfico, moito del pesado, no núcleo de Pedrafita. Agora mesmo, a opción para acceder a Galicia a través da autovía A-52, á que se ven obrigados os transportes especiais, como os de pas e compoñentes eólicos, triplica os custos da viaxe e multiplica o tempo de percorrido, polo que non se considera unha alternativa viable.

 

Unha das propostas formuladas polos técnicos da Xunta, que é a que se considera máis idónea, pasa pola construción dun ramal de conexión entre a N-VI e a A-6, de modo que se poida volver á autovía tras pasar o viaduto do Castro e antes dos túneles de Pedrafita. Deste modo reduciríase o treito de tránsito pola nacional evitando, ademais, as molestias polo paso do tráfico pola travesía e permitindo a circulación dos transportes especiais. Ante a posibilidade de que un transporte especial se avariase na N-VI nun punto que bloquease a circulación, o tráfico poderíase desviar pola antiga N-VI. O custo estimado desta alternativa rolda os 1,4 M€ e estímase que podería estar operativa nun prazo de 3 meses.

 

A segunda alternativa consiste na execución dunha variante en Pedrafita, de xeito que os transportes especiais poidan transitar por ela e non atascar a nacional en caso de avaría. Con esta solución evitaríase o paso pola parte máis poboada de Pedrafita, aínda que ten a desvantaxe de que non se aproveitan os túneles da autovía. Esta opción tería un menor custo, estimado en 0,15 M€, e tamén menos prazo de execución, ao aproveitar os viarios existentes.

 

A terceira proposta, de construción sinxela e cun investimento mínimo que mesmo podería ser asumido coa conservación ordinaria, consiste en habilitar en dobre sentido de circulación o ramal de saída da A-6 dirección Galicia, de modo que os vehículos se poidan reincorporar á autovía antes dos túneles de Pedrafita, e viable tamén para os transportes especiais.

 

Con esta solución, poderíase habilitar o tráfico normal de vehículos, o que beneficiaría ao núcleo de Pedrafita, facendo que unicamente fosen os transportes especiais os que pasasen pola travesía, que podería ser na madrugada. Nestes momentos, e aínda que é posible que os transportes especiais atravesen a travesía de Pedrafita, non está permitido ante o temor dunha posible continxencia ao non haber alternativa de tráfico.

 

Nas tres opcións valoradas pola Xunta hai un treito da N-VI que deberá ser empregado polos transportes especiais. Ante a posibilidade dun eventual bloqueo por unha avaría, poderíase desviar a circulación pola antiga N-VI, á que se pode acceder desde a A-6, antes do viaduto do Castro e que conecta coa glorieta de entrada a Pedrafita.

 

Aínda que a primeira alternativa se considera a máis idónea, mentres se executa, a Xunta estima oportuno habilitar de xeito provisional o ramal de saída a Pedrafita desde a A-6 sentido Galicia para os 2 sentidos de circulación, que recolle a terceira das alternativas propostas.

 

Esta mesma mañá, o director da Axencia Galega de Infraestruturas deu traslado deste estudo de mobilidade realizado pola Xunta ao director xeral de Estradas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coa vontade de contribuír a que se axilice a toma de decisións e á adopción de solucións viables ante a situación derivada do colapso do viaduto do Castro que mantén pechada a A-6 nese punto desde o pasado 7 de xuño.

Data de actualización: 23/06/2022