A Xunta destina 2 M€ á compra de inmobles para a súa rehabilitación nos concellos da Coruña, Ourense, Ferrol, Ribadeo e Tui

Os propietarios interesados dispoñen ata o 15 de xullo para presentar as súas ofertas

Compartir
  • whatsapp

A Xunta destina 2 millóns de euros á compra de inmobles nos centros históricos dos concellos da Coruña, Ferrol, Ourense, Ribadeo e Tui para rehabilitalos e destinalos despois a vivendas de promoción pública.

A convocatoria deste ano prioriza a aqueles concellos que xa teñen declarada unha área de rexeneración urbana de interese autonómico —área Rexurbe—, onde existe un maior número de edificacións ou solares en estado de abandono ou semiabandono. Os propietarios interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 15 de xullo para trasladar á Xunta as súas propostas. Teñen á súa disposición o teléfono 981 957 965.
 
A finalidade é adquirir inmobles que, estando inscritos no Rexistro da propiedade, cumpran cos seguintes requisitos: permitan que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas, que poidan facer inviable a actuación; e que os custos de rehabilitación non resulten desproporcionados.
 
Un dos criterios que se ten en conta para a adquisición dos mesmos é o interese da área na que se atope, dando prioridade aos edificios que teñan un valor arquitectónico especial que aconselle a súa recuperación, aqueles cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado e ás ofertas que contemplen a recuperación dunha mazá completa.
 
A oferta de 2022, ao igual que as anteriores, prevé un reparto para cada concello do investimento total. Non obstante, no caso de non esgotarse o crédito previsto para un determinado municipio e, ao mesmo tempo, o crédito inicial previsto para os demais resultase insuficiente, poderá variarse o importe sinalado. A Xunta reserva, así, a metade do orzamento, 1 millón de euros, para a cidade da Coruña, onde se inclúe a Cidade Vella e o eixo Orzán-Panadeiras. O resto docrédito total distribúese entre Ourense (400.000 euros), Ferrol (200.000 euros), Ribadeo (200.000 euros) e Tui (200.000 euros).
 

Balance do Programa Rexurbe

O Goberno galego puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe. Na actualidade, xaten comprometidos máis de 31,5 millóns de euros na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos, cos que prevé obter arredor de 150 vivendas de promoción pública.

A figura da área Rexurbe foi creada coa Lei de rehabilitación de 2019 e, hoxe, xa existen seis declaradas en Galicia: Mondoñedo (febreiro de 2020), A Coruña (maio de 2020), Ribadavia (xullo de 2020), Tui (xullo de 2021), Ribadeo (decembro de 2021) e Ferrol (xaneiro de 2022).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/06/2022