A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá na inauguración do VII Congreso de Voluntariado Galego en Sober

A Xunta agradece o papel das entidades sociais e das persoas voluntarias na construción dunha Galicia mellor

Destaca que Galicia é unha comunidade solidaria na que máis de 52.000 persoas destinan o seu día a día en axudar aos demais

Durante o encontro avanzarase na Estratexia de Acción Voluntaria 2027 que servirá para mellorar a experiencia das persoas voluntarias e deseñar novos proxectos

Durante o encontro entregaranse os premios Acción Voluntaria do ano 2021 que foron destinados ao Banco de Alimentos Rías Altas, ao voluntario José Ramón Miguéns Dieste e á Federación de Persoas Xordas de Galicia
 

Sober (Lugo), 25 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, agradeceu esta mañá o papel das entidades sociais e das persoas voluntarias na construción dunha Galicia mellor. Fíxoo durante a inauguración do VII Congreso de Voluntariado Galego que se celebra estes días en Sober e ao que asisten un cento de persoas entre voluntarios e representantes de entidades sociais e locais promotoras de accións voluntarias.

Fabiola García lembrou que Galicia é unha comunidade solidaria con ganas de axudar e ofrecer apoio a quen peor o está a pasar. Neste sentido, apuntou que desde o ano 2014, cando se puxo en marcha o rexistro de accións voluntarias, incrementáronse en máis de 250 as entidades dadas de alta no Rexistro da Xunta ata acadar as máis de 1.000 e disparouse o número de persoas voluntarias. Actualmente hai máis de 52.000 persoas que destinan o seu día a día a axudar aos demais.

Así mesmo, destacou que o Goberno galego traballa na conformación da Estratexia de Acción Voluntaria 2027. Un documento que servirá para mellorar as experiencias dos voluntarios e deseñar novas iniciativas e proxectos destinados para eles. Durante o Congreso, realizarase unha mesa de traballo na que compartir opinións de cara á conformación deste documento.

Premios Acción Voluntaria 2021

Durante o Congreso entregaranse os premios de Acción Voluntaria que o Goberno galego destina a entidades e persoas voluntarias. En concreto, no pasado ano 2021, estes premios foron destinados á Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, ao voluntario José Ramón Miguéns Dieste e a Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/06/2022