O presidente da Xunta visitou as obras do Hospital Público Gran Montecelo

Rueda avanza que o novo servizo de Radioterapia do Hospital Gran Montecelo evitará que 500 pacientes se despracen cada ano para recibir o seu tratamento

Explica que as obras van a bo ritmo e entran nunha fase transcendental coa construción da nova torre de hospitalización en forma de “Z”

A remodelación do Complexo, que contará cun investimento total de 154 M€, permitirá dispor dun hospital punteiro para os vindeiros 50 anos que dará servizo a máis de 300.000 habitantes

A partir do 1 de xullo e durante as tardes dos venres programaranse visitas guiadas para os sanitarios e en setembro para os colectivos sociais de Pontevedra

Pontevedra, 27 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe o salto de calidade que suporá o novo equipamento punteiro do Hospital Gran Montecelo, que evitará que os preto de 500 pacientes da área que se desprazaban cada ano a Vigo para recibir Radioterapia, xa poderán obter o seu tratamento en Pontevedra.

“Eses 500 pacientes serán a punta de lanza de todas esas melloras que vai haber aquí e que van supoñer consolidar servizos médicos que eviten desprazamentos e, polo tanto, aumenten a calidade”, afirmou.

O equipamento de vangarda co que contará esta infraestrutura recibirá outro impulso co investimento de 8,8 millóns de euros para equipar os novos servizos de Radioterapia, de Medicina Nuclear, de Radiodiagnóstico e de Hemodinámica que se instalarán no futuro hospital.

Rueda fixo estas declaracións durante a visita que realizou ás obras de remodelación e ampliación do Hospital Público Gran Montecelo. Destacou que o bo ritmo das obras da paso á construción da nova torre de hospitalización en forma de “Z”.

Estamos construíndo instalacións que fan falta agora pero que van deixar resoltas as necesidades de espazos e instalacións hospitalarias de Pontevedra, de 300.000 habitantes de 26 concellos para os próximos 50 anos”, destacou.

Nestes traballos vanse investir 154 millóns de euros e o converterán na “punta de lanza da sanidade pontevedresa”, segundo dixo. Implicará un 74% máis de superficie; dous novos edificios e un bloque de hospitalización; 120 camas, 53 consultas e 3 quirófanos máis; e un incremento do 49% nos postos de hospital de día e do 92% nos postos de Urxencias.

Despois de trece meses de traballos, realizados nos prazos previstos a pesar da crise de materiais e o paro do transporte, a execución do Gran Montecelo atravesa unha fase transcendental que modificará a estrutura do complexo ata convertelo nun inmoble recoñecido e recoñecible polos pontevedreses, os traballadores e os usuarios.

Neste senso, para que se vaian familiarizando con el, a partir do 1 de xullo e durante as tardes dos venres, programaranse visitas guiadas para os sanitarios e, xa en setembro, será a quenda dos colectivos sociais de Pontevedra.

Ademais, Rueda reiterou que a falta de médicos non é unha cuestión económica porque se o fora o problema xa estaría resolto, e lembrou que hoxe a Xunta inviste en servizos de saúde 800 millóns de euros máis cada ano que en 2009, e deles uns 350 dedícanse a gasto en persoal. Neste senso, instou, de novo, ao Goberno central a que asuma a súa responsabilidade para resolver un problema que afecta a toda España.

O presidente galego rematou afirmando que o Gran Montecelo obedece ao desexo de esforzarse continuamente para prestar un mellor servizo aos cidadáns da Comunidade, e asegurou que non será a derradeira obra sanitaria que se vai realizar, porque sempre haberá proxectos que emprender e servizos que modernizar, pero desde unha valoración precisa do que xa temos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/06/2022