A Xunta eleva ata os 20M€ os apoios destinados en 2022 a xerar e manter os postos de traballo nos centros especiais de emprego

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza con Aspais, asociación que representa os intereses destes centros

A Xunta incrementou este ano nun 4% os apoios ao emprego nestas entidades

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa Asociación para a promoción de actividades de integración sociolaboral en centros especiais de emprego (Aspais) no que afondou nos apoios que a Xunta brinda a estas entidades, que este ano acadan os 20 millóns de euros, como unha das apostas máis firmes do Goberno autonómico para avanzar na xeración de emprego inclusivo.

 

A Consellería de Promoción do Emprego vén de elevar un 4% con respecto a 2021, ata os 20 millóns de euros, os apoios para xerar e manter postos de traballo nos Centros Especiais de Emprego. Trátase dun programa inserido no Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social que conta para 2022 cun orzamento de máis de 40 millóns de euros dirixidos exclusivamente á execución de políticas activas de emprego para estes colectivos que teñen prioridade para o Goberno galego.

 

No encontro de hoxe, a conselleira avogou por valorizar o talento das persoas con discapacidade e demandou avances para que poidan participar activamente no mercado laboral. O emprego, tal e como trasladou,  resulta un dos camiños máis importantes para que gañen autonomía e avancen no seu benestar.

 

Lorenzana remarcou unha vez máis neste encontro -no que tomaron parte o presidente de Aspais, Xosé Ramón Dourado, e a xerente da entidade, Lúa Piñeiro-  a importancia de impulsar o tránsito do emprego protexido ao de tipo ordinario a través da colaboración pública e privada.

 

A conselleira vén de facer de voceira do resto das comunidades autónomas ante a Comisión Europea na que demandou en Europa que se incrementen progresivamente os apoios á formación e capacitación profesional, os incentivos á contratación e o nivel de sensibilización do tecido empresarial respecto das oportunidades que ofrece a diversidade de perfís.

 

Aspais é unha asociación autonómica constituída en 2019 por persoas físicas e xurídicas titulares de Centros Especiais de Emprego nos que traballan, na actualidade, máis de 800 persoas con discapacidade. Desde o inicio das súas actividades, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou un total de 88.276 euros a Aspais no marco dos apoios a entidades de iniciativa social que desenvolven programas para mulleres así como de fomento e consolidación de asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral e de actividades de promoción da Economía Social dentro da Rede Eusumo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/06/2022