Lorenzana pon en valor a aposta da Xunta polo emprendemento e a formación para o emprego nun encontro coa cámara de comercio da Coruña

A Coruña, 27 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo, no que abordaron futuras vías de colaboración e puxeron en valor a aposta que ambas as dúas entidades están a realizar pola formación de calidade, adaptada ás necesidades do mercado de traballo, e polo emprendemento.
No encontro, a conselleira destacou a creación da nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego que continuará impulsando iniciativas coas que contribuír á xeración de riqueza. Este órgano integrará a rede de emprendemento da Xunta (coas aceleradoras ou os espazos de coworking, entre outros instrumentos) e xestionará os Polos de Emprendemento, agora en fase de creación, que se instalarán en 12 puntos da comunidade para avaliar as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios onde se implanten.
No ámbito da formación para o emprego, a Consellería está a desenvolver o Plan galego de formación para persoas ocupadas e desempregadas con máis de 100 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais e adaptar a cualificación de traballadoras e traballadores ás demandas de man de obra do mercado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/06/2022