Rueda anuncia que a Xunta financiará os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos a pacientes maiores de 74 anos e polimedicados

A prescrición farase a través dos farmacéuticos ou das enfermarías de atención primaria e poderán dispensar as doses as farmacias que voluntariamente se sumen ao programa

Poderán beneficiarse ao redor de 3.000 pacientes, os que teñen máis fármacos prescritos, e con prioridade para os que vivan sós e non teñan rede de apoio sociofamiliar

O presidente da Xunta informou do acordo nunha xuntanza que mantivo cos presidentes dos Colexios de Farmacéuticos de Galicia coincidindo coa entrada en vigor do decreto que regula o sistema personalizado de dosificación
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego financiará os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos a pacientes maiores de 74 anos polimedicados.

 

Rueda informou do acordo nunha xuntanza que mantivo con presidentes dos Colexios de Farmacéuticos de Galicia á que asistiu tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

 

O anuncio coincide coa entrada en vigor do decreto regulador das condicións e os requisitos para a preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación nas oficinas de farmacia de Galicia, que foi aprobado no Consello da Xunta o 19 de maio e publicado no Diario Oficial de Galicia o 7 de xuño. O decreto regula os requisitos para que as farmacias se sumen de xeito voluntario a ese servizo. De forma paralela, o Goberno galego negociou cos colexios farmacéuticos unha addenda ao concerto xeral que a Xunta ten coas oficinas de farmacia para iniciar un programa piloto de financiamento deste servizo aos pacientes que máis o necesitan.

 

Desta maneira, poderán beneficiarse dese servizo que financiará o Goberno galego uns 3.000 pacientes maiores de 74 anos, os que teñen máis fármacos prescritos, con prioridade para aqueles que vivan sós e non teñan unha rede de apoio sociofamiliar que lles axude no mantemento dos seus tratamentos.

 

A prescrición deste servizo gratuíto farase a través dos farmacéuticos ou das enfermarías de atención primaria. De xeito paralelo, o centenar de farmacéuticos de atención primaria que forman parte do Sergas -incluídos os 28 que se incorporaron este ano- comezarán un proceso de revisión da medicación destes pacientes polimedicados con máis fármacos prescritos para tratar de conciliar e reducir o seu número de tratamentos.

 

Papel das oficinas de farmacia de saúde comunitaria

As oficinas de farmacia galegas que voluntariamente entren no programa colaborarán directamente co equipo de atención primaria responsable do paciente e prepararán os dispositivos para un período máximo de dúas semanas.

 

Os sistemas personalizados de dosificación, coñecidos popularmente como pastilleiros, facilitan a toma dos medicamentos e permiten previr, detectar e resolver problemas en relación coa medicación dos beneficiarios. Os medicamentos ordénanse en envases nos que se introducen as unidades para cada toma diaria, o que evita erros nas tomas, preservan a seguridade dos pacientes no seu tratamento, permiten un seguimento por parte dos profesionais sanitarios e axudan a identificar posibles erros nas pautas, reducindo os riscos de confusión ou sobredosificación.

 

A medida tomouse en cumprimento da Lei de ordenación farmacéutica de Galicia do ano 2019, que estableceu como unha das funcións das oficinas de farmacia a de “facilitar sistemas personalizados de dosificación aos pacientes que o soliciten co fin de mellorar o cumprimento terapéutico nos tratamentos e coas condicións e requisitos que se establezan regularmente”.

 

Alfonso Rueda agradeceu aos farmacéuticos a súa colaboración nos momentos máis críticos da pandemia e subliñou que a Xunta de Galicia concibe as oficinas de farmacia como parte do sistema sanitario, ademais de avanzar nun modelo sanitario orientado ao paciente crónico cunha atención na que os profesionais de enfermaría ou de farmacia poden dar servizos relacionados coa xestión da medicación sen que sexa necesario que interveña o persoal médico.

Cabe lembrar que hai unhas semanas xa se reuniu cos colexios médicos galegos para afrontar os retos que precisa a sanidade e para ofrecer aos cidadáns a atención que merecen.

 

Por último, o presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade tamén avanzaron cos representantes dos farmacéuticos galegos outras cuestións lexislativas que se están a tramitar e que son de interese para o sector, como a regulación dos horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, as autorizacións das devanditas oficinas, a sinalización, información e publicidade dos dispensarios ou a entrega de medicamentos e produtos sanitarios no domicilio dos pacientes, unha medida que vai en beneficio das persoas maiores, con patoloxías crónicas e polimedicadas.     

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/06/2022