A Xunta achega a Ferrol unha exposición de ilustracións sobre o Camiño Inglés retratado por dúas artistas que o percorreron o pasado verán

A mostra, que pode visitarse ata o 28 de xullo, está composta por 25 ilustracións resultado da experiencia da catalá Maru Godás e a irlandesa Róisín Curé como peregrinas o pasado verán

Aneiros pon en valor o peso gañado por este itinerario nos últimos anos. “So neste mes de xuño o número de peregrinos nesta ruta creceu un 71,5% con respecto ao mesmo período do ano anterior”, di
 

Ferrol, 29 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, inaugurou esta mañá na sede de Afundación a exposición “O debuxo é o camiño. O Camiño Inglés”, un retrato deste itinerario a través de 25 ilustracións das artistas Maru Godás e Róisín Curé. No acto tamén participaron a coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación, Verónica Rego e a coordinadora do proxecto, Carmo Iglesias.

 

Esta mostra itinerante, que chega a Ferrol tras recalar en Santiago e A Coruña, é o resultado da experiencia destas dúas ilustradoras, unha catalá e outra irlandesa, como peregrinas o pasado verán. “Froito desa peregrinación debuxada que levaron a cabo durante unha semana partindo de Ferrol e tras unha primeira parada na Coruña, xorden as ilustracións que hoxe compoñen esta exposición e unha gravación que amosa, case en directo, o que as artistas vivían e debuxaban en cada lugar”, explicou a delegada territorial.

 

Así, neste percorrido ilustrado que poderá visitarse na sede de Afundación ata o próximo 28 de xullo, figuran algunhas das perspectivas máis facilmente recoñecibles da nosa comarca como a ponte das Pías coas grúas e as jackets de Navantia Fene ao fondo, o muíño das Aceas, en Narón, ou a fachada marítima de Pontedeume coa ponte de pedra en primeiro termo, entre outras. As 25 ilustracións que compoñen a exposición están montadas en tela de alta calidade e se mostran en 22 caixas de luz de dobre cara o que permite resaltar a súa calidade.

 

Durante a súa intervención, Martina Aneiros, puxo en valor esta nova actuación, no marco do Xacobeo 21-22 e que se enmarca dentro da iniciativa “Cadernos de Viaxe” que se levou a cabo o pasado ano co obxectivo de achegar a diferentes artistas de diferentes estilos aos Camiños a Santiago. “Debuxo e Camiño volven darse a man nesta iniciativa, financiada integramente por Turismo de Galicia, e que afonda na mirada que estas ilustradoras obtiveron da súa experiencia como peregrinas”, dixo.

 

A representante do Goberno galego tamén aproveitou a ocasión para reivindicar o peso gañado nos últimos anos polo Camiño Inglés dentro das rutas xacobeas. “No que vai de mes de xuño 52.110 peregrinos lograron a compostela tras recorrer esta ruta, un 71,5% máis que durante o mesmo período do ano pasado cando se selaron 14.825”, indicou Aneiros, “isto fala do crecemento exponencial que está a vivir este itinerario e que o leva a pugnar polo terceiro posto entre as rutas xacobeas máis transitadas xunto ao Camiño Portugués da Costa”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2022