Trenor anima aos propietarios de inmobles deshabitados de Pescadería, San Andrés, Panadeiras, Orzán e Cidade Vella a aproveitar o Rexurbe ata o 15 de xullo

No caso da cidade da Coruña, a oferta de 2022 conta cun investimento da Xunta de 1 millón de euros, a metade do que se reserva para toda Galicia

A Coruña, 29 de xuño de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, animou esta mañá aos propietarios de inmobles deshabitados nos barrios de Pescadería, San Andrés, Panadeiras, Orzán e Cidade Vella, na cidade da Coruña, a aproveitar o Plan Rexurbe, que ten aberto o prazo ata o 15 de xullo, a través do cal o Goberno galego adquire os edificios en mal estado de conservación para a súa rehabilitación e posterior posta á disposición dos cidadáns como vivendas de promoción pública.

 

Os propietarios interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 15 de xullo para trasladalas á Xunta e teñen á súa disposición o teléfono 981 957 965.

 

No caso concreto da Coruña, a oferta de 2022 conta cun investimento que ascende ata 1 millón de euros, a metade do que se reserva para toda Galicia. Non obstante, no caso de que resultase insuficiente, poderá variarse o importe.

 

A área Rexurbe da cidade herculina, declarada en 2020, abrangue unha superficie de 80.000 metros cadrados que inclúe a zona coñecida como Pescadería —San Andrés, Orzán e Panadeiras— e tamén a Cidade Vella —que se estende pola contorna entre as prazas de Santa Bárbara, Santo Domingo, Azcárraga e a Colexiata de Santa María do Campo—.

 

Trenor lembrou que a finalidade é adquirir inmobles que, estando inscritos no Rexistro da propiedade, cumpran cos seguintes requisitos: permitan que as futuras vivendas reúnan as condicións óptimas de confort e habitabilidade; non se atopen afectados por servidumes ou cargas que poidan facer inviable a actuación; e que os custos de rehabilitación non resulten desproporcionados.

 

Na Coruña, ao abeiro do orzamento consignado para 2021, a Xunta acaba de adquirir dous edificios: o primeiro, por case 400.000 euros, localízase na rúa Santa María, en pleno corazón da Cidade Vella; e o segundo, no número 88 da rúa San Andrés, cun prezo de adquisición de 525.000 euros. Polo tanto, o investimento do Goberno galego na urbe a través do Rexurbe achégase xa ao millón de euros.

 

Trenor lembrou que a Xunta incluíu en 2022 á cidade da Coruña de novo no programa Rexurbe co obxectivo de adquirir máis inmobles para rehabilitar e poñer á disposición dos coruñeses novas vivendas protexidas destinadas ao alugueiro social.

O Goberno galego puxo en marcha en 2017 o programa Rexurbe. Na actualidade, xa ten comprometidos máis de 31,5 millóns de euros na adquisición e rehabilitación de 85 inmobles emprazados nos centros históricos, cos que prevé obter preto de 150 vivendas de promoción pública en máis dunha decena de concellos galegos.

 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2022