A Xunta e a CRTVG colaboran para divulgar o legado de María Casares coa técnica ‘stop motion’

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, presentan as cinco pezas audiovisuais sobre a figura da artista producidas por Algarabía Animación e emitidas desde hoxe pola Televisión de Galicia

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Airas, presentaron hoxe as cinco pezas audiovisuais sobre a figura de María Casares coas que a Xunta de Galicia leva o legado da artista á pequena pantalla. Os materiais, producidos por Algabaría Animación, serán emitidos desde hoxe na Televisión de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a relevancia deste proxecto que conta con importantes colaboracións como o actor Francisco Negreira e a actriz Raquel Acuarable, coa voz de Yolanda Castaño e coa música de Gastón Rodríguez. “Estos pequenos vídeos insírense na programación que impulsamos desde o Goberno galego para celebrar o centenario de María Casares e que representa unha oportunidade extraordinaria para coñecer as diferentes facetas que marcaron a traxectoria dunha actriz universal”, explicou Anxo M. Lorenzo.

 

Así mesmo, o director xeral de Cultura agradeceu a implicación da CRTVG neste proxecto achegando a través da televisión a todos os galegos “á figura dunha das grandes imaxes do teatro galego, español e europeo” e darlle á coruñesa a “visibilidade que merece”.

 

Neste senso, a Administración autonómica apoiou a elaboración de cinco pezas que permiten afondar na figura de María Casares dun xeito diferente. Foron realizadas cortando con láser e texturizando a man miles de siluetas coas figuras humanas e de atrezzo que aparecen en escena. Posteriormente, estas figuras foron fotografadas mediante a técnica stop motion co fin de obter a sensación de movemento na pantalla.

 
Centenario da artista coruñesa

Esta iniciativa enmárcase nas diferentes propostas expositivas, editoriais, escénicas e audiovisuais impulsadas polo Goberno galego para conmemorar este centenario en colaboración con diversas institucións e que se estenderá máis aló do territorio galego, con accións en Madrid e París. Nesta liña, o director xeral de Cultura lembrou que ata o 30 de xuño pode visitarse en Vigo a exposición itinerante 100% María Casares. O teatro é o refuxio que se desprazará a Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.

 

Ademais, tras o verán, retomarase na Coruña o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario e a coprodución Continente María, do Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña.

 

Nada na Coruña en 1922, María Casares foi unha actriz de teatro e cinema que triunfou no seu exilio en Francia onde residiu. Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, chegando a converterse en musa do existencialismo francés. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.

Data de actualización: 29/06/2022