O observatorio galego LGTBI avoga por unha Galicia acolledora da diversidade que siga no seu avance cara o respecto e a ampliación dos dereitos deste colectivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe en Santiago de Compostela a sesión plenaria do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero

Con motivo onte do Día Internacional do Orgullo LGTBI, o Observatorio aprobou unha declaración na que se pon de manifesto o compromiso para seguir destinando esforzos e recursos á sensibilización contra calquera tipo de desigualdade
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe en Santiago de Compostela unha sesión plenaria do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero na que se aprobou unha declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI na que se avoga por unha Galicia máis acolledora da diversidade en todas as súas posibles manifestacións e na que os integrantes do Observatorio se comprometen a seguir traballando para avanzar no respecto e na ampliación dos dereitos do colectivo LGTBI.

Lorenzana explicou, tal e como se recolle no texto da declaración, que é preciso seguir avanzando en tolerancia á diversidade e concienciando á xente para construír unha sociedade máis inclusiva e solidaria “para conseguir o total recoñecemento e respecto absoluto cara todas as formas de vivir a sexualidade e de expresar o xénero”.

Así mesmo, a conselleira apuntou que os membros do Observatorio comprométense a seguir destinando esforzos e recursos á sensiblización, condenando “con contundencia” os discursos de odio e ataques contra o colectivo LGTBI. “É necesario cimentar sociedades abertas e acolledoras nas que se conviva coa diversidade e coa igualdade e se medre nun contexto de cumprimento dos dereitos e desfrute das liberdades”.

Doutro lado, no Observatorio, ademais da aprobación da declaración institucional, informouse sobre un estudo específico que está elaborando a Xunta sobre a situación laboral do colectivo LGTBI para coñecer a súa realidade concreta e as discrimacións que poidan acontencer no eido laboral para, a partir de aí, e, tal e como explicou Lorenzana, poder valorar a posta en marcha de medidas desde as diferentes administracións, en colaboración co tecido empresarial, co fin de favorecer a igualdade de oportunidades laborais.

Así mesmo, presentouse ante o Observatorio o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais que está a desenvolver a Xunta en cooperación co Consello da Cultura Galega. Trátase dun traballo didáctico, unha exposición que se levou a cabo de maneira itinerante polos centros escolares de Galicia para insistir na importancia da sensibilización entre as mozas e mozos para que se “eduquen nos principios de non discriminación e igualdade” desde idades temperás.

Outros temas que se abordaron na xuntanza foron a creación de grupos de traballo sectoriais para dinamizar o funcionamento do propio Observatorio e a dotación dun logotipo propio para dita entidade.

Documentos relacionados
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2022