A Xunta explica á veciñanza de San Fiz de Asma, en Chantada, os beneficios que suporá o Plan Territorial Especial

Este documento ten por obxecto establecer a ordenación integrada deste ámbito en razón das súas especiais características naturais, ecolóxicas e paisaxísticas, que compatibilice a súa protección coa explotación máis racional dos recursos

Chantada (Lugo), 29 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, explicou á veciñanza de San Fiz de Asma os beneficios que suporá o Plan Territorial Especial (PTE) durante unha charla informativa celebrada en Chantada, na que estivo acompañada do director da  Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas; do alcalde de Chantada, Manuel Varela, e do arquitecto redactor do PTE, Juan Mario Crecente.

Durante o encontro, os asistentes -dúas decenas de propietarios afectados polo PTE-, amosaron o seu interese pola proposta e expuxeron as súas necesidades logo de ter comezado xa a recibir as notificacións individualizadas da aprobación inicial do documento.

O PTE de San Fiz xorde da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra como Ben de interese cultural a finais do ano 2018, momento no que se considerou necesario realizar unha ordenación detallada desta parroquia polas súas condicións xeolóxicas e morfolóxicas, os valores patrimoniais e a xeografía. Todo isto, xunto cunha recente ocupación, confírenlle unha identidade diferenciada doutras paisaxes que a fan tamén altamente representativa dos atractivos da Ribeira Sacra.

Segundo explicou a directora xeral, este plan ten por obxecto establecer a ordenación integrada deste ámbito en razón das súas especiais características naturais, ecolóxicas e paisaxísticas, que compatibilice a súa protección coa máis racional explotación dos recursos. Así, coa elaboración do PTE —cun investimento da Xunta de 68.000 euros—preténdese a súa conservación e o seu mantemento por considerarse unha paisaxe construída digna de preservar.

Este proxecto enmárcase dentro do chamado Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, un conxunto de medidas que impulsou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en setembro de 2019 co obxectivo de mellorar a planificación e a protección deste territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense.

Para isto, o Plan inclúe un paquete de 10 propostas a nivel ambiental, paisaxístico e urbanístico, a maioría delas xa en marcha, e das que se beneficiarán un total de 30 concellos, cun investimento global de máis de 4,5 millóns de euros.

Cómpre lembrar que unha vez que remate o prazo de información pública e notificados todos os afectados, solicitaranse os informes sectoriais preceptivos para, a continuación, ser aprobado provisionalmente. Estímase que, a continuación, poida recibir a aprobación definitiva, por parte do Consello da Xunta, no último trimestre deste ano 2022.

Este documento iniciou a súa tramitación como un Plan de Ordenación do Medio Físico, pero, tras a entrada en vigor da Lei 1/2021 do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, optouse por axustar a documentación e o seu contido ás esixencias da nova normativa, aos efectos de poder continuar o procedemento con plena adaptación á lexislación territorial en vigor e, polo tanto, como un Plan Territorial Especial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/06/2022