Galicia oficializará en xullo a petición ao Goberno central dun PERTE cultural que recoñeza o peso do sector na economía

O Consello da Xunta informa sobre a vintena de propostas para optar aos fondos europeos que se van enviar a Madrid: “A cultura non pode quedar á marxe da grande oportunidade que supoñen os fondos europeos”, di o titular do Goberno galego


No seu conxunto contan cun orzamento próximo aos 400M€, cifras que constatan a necesidade de que a cultura conte con ferramentas de apoio europeas específicas para acompañar a transformación dixital e internacionalización da cultura galega


O presidente da Xunta subliña a colaboración co sector nun proceso no que participaron máis de 120 entidades e institucións que realizaron 82 achegas que enriquecen proxectos xa elaborados e permiten crear outros novos


Trátase iniciativas vinculadas coa dixitalización do patrimonio e da lingua galega, a recuperación das tradicións, a innovación nos museos, o reforzo das industrias culturais ou o fomento da oferta cultural no rural, entre outras
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Afonso Rueda, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello, que o Goberno galego vai remitir este mes de xullo ao Goberno central unha vintena de proxectos culturais solicitando un PERTE cultural que recoñeza a importancia deste sector na economía, un mecanismo ata agora inexistente en España e que Galicia considera “necesario” para acompañar a transformación dixital, reforzar a creación, produción e a internacionalización da cultura galega. De non ser posible, o titular do Executivo galego propuxo como “segunda opción” un PERTE descentralizado, tal e como asegurou que demandan outras comunidades autónomas.

Trátase de 19 propostas vinculadas co patrimonio, as artes escénicas, os museos, as industrias creativas, a música ou o audiovisual, que contan cun orzamento global próximo aos 400M €. O presidente da Xunta subliñou a colaboración co sector nun proceso participativo que o Goberno galego abriu este ano para que a cidadanía, sector, institucións e administracións públicas presentasen propostas culturais susceptibles a optar a fondos europeos Participaron máis de 120 entidades e institucións que realizaron máis de 80 achegas.

Como resultado, a Xunta presentará oito proxectos deseñados polo Goberno autonómico que foron enriquecidas coas achegas do sector. Son Cultura Emerxente, para difundir o resultado dos procesos creativos dentro e fóra de Galicia, que incluirá un amplo programa cultural centrado no folclore, Cultura Circular, para a dixitalización da cultura galega cunha plataforma en liña que reúna, preserve e investigue toda a documentación relativa ás artes escénicas de Galicia, A nosa pegada, para a mellora de bens singulares do patrimonio, cunha base de datos dixitalizada con todos os bens patrimoniais de Galicia e coa posta en marcha dunha plataforma hipertextual e multimedia para divulgar o patrimonio histórico-cultural.

Museo +, para potenciar a súa innovación; Confíns dos verdes castros, para a recuperación do patrimonio arqueolóxico, Ribeira Sacra, para reforzar a conservación na súa candidatura a Patrimonio Mundial, aos que se suman outros que xa arrincaron como o proxecto Stellae 5.0, en colaboración coa rede CRUSOE (Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo), para impulsar a transición dixital dos recursos patrimoniais dos Camiño de Santiago, e o Proxecto Nós, coas universidades galegas, para garantir a presenza da lingua nos novos desenvolvemento tecnolóxicos.
Recuperación de oficios

A eles súmanse 11 máis, que foron propostas directamente elaboradas polo sector. Trátase de REDAR. Recuperación de oficios tradicionais e traballos artesáns, que supón a creación dunha estratexia de documentación e innovación sobre as prácticas artesanais e oficios tradicionais, Sons e ritmos & residencias artísticas, coa posta en marcha dunha libraría de sons e ritmos tradicionais galegos ou Territorio Escena,un proxecto para crear residencias comarcais para o fomento das artes escénicas no rural galego. 

Ademais Sensoxenómica: na vangarda da música e saúde, inclúese no documento e consiste en estudar o impacto dos estímulos musicais en enfermidades como o alzhéimer, párkinson ou o dano cerebral co obxectivo de desenvolver un programa de intervención musical en centros sanitarios ou sociosanitarios. Tamén se propoñen os proxectos Custodia rural, para reconstruír casas reitorais e mosteiros para uso multifuncional con comunidades autoxestionadas; Nodo galego do SNIC, un espazo físico e virtual do Sistema nacional de intelixencia creativa de Galicia (SNIC) para mellorar a competitividade das industrias creativas; oProxecto Da capo: A música como motor de desenvolvemento,a iniciativa de innovación e dixitalización da música.
Incorpóranse tamén ao documento Antena ITH de oportunidades de financiamento e internacionalización, coacreación dunha oficina que asesore sobre oportunidades de financiamento e acompañe ao sector cultural ou Galicia Barroca, o proxecto para a ampla difusión do barroco galego dun xeito completo e plenamente documentado. Finalmente, Proxecto da literatura infantil e xuvenil,para converter Galicia no centro de referencia internacional da literatura infantil e xuvenil en linguas iberoamericanas e para crear un laboratorio de literatura infantil e xuvenil; así como(GAIVOTA) a lingua GAlega: Inclusión e VehículO de TrAnsformación dixital iniciativas para seguir avanzando na dixitalización do galego.
 
Proceso participativo
No seu conxunto, é unha listaxe de proxectos froito do debate, diálogo e intercambio de ideas que recompilan as principais necesidades do sector cultural galego. Durante o proceso, que comezou a principios deste ano, presentáronse un total de 82 achegas por parte de 55 entidades, entre asociacións, universidades, museos, fundacións, editoriais e empresas privadas. De todos eles, a maior parte, un total de 71, foron propostas que serven para enriquecer, mellorar e completar as oito iniciativas xa esbozadas por parte da Xunta. Este proceso para a xestión dos fondos europeos no eido cultural comezou o pasado mes de febreiro, cunha primeira xornada informativa co sector.
Completouse con xornadas participativas con oito grupos de traballo distribuídos en Audiovisual, Artes Escénicas, Libro, Música, Institucións culturais (bibliotecas, fundacións culturais, arquivos e museos), Artes Visuais, Patrimonio Cultural e Lingua que se reuniron nos últimos meses e de cuxo diálogo se elaborou este documento final.
A Xunta continúa así a súa folla de ruta para reclamar a posta en marcha de ferramentas como os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE), que xa se están levando a cabo con fondos europeos noutros sectores, e que Galicia entende que deben chegar tamén á cultura para recoñecer así o seu peso na actividade económica do país.
O presidente da Xunta vén demandando dende hai tempo que “a cultura non pode quedar á marxe da grande oportunidade que supoñen os fondos europeos”. Alfonso Rueda amosouse esperanzado en que a candidatura teña unha boa acollida. “Será unha nova oportunidade para pedir ao Goberno a descentralización da xestión dos fondos e máis axilidade e concreción sobre os mesmos”. 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2022