A Xunta activa desde mañá os servizos de autobús entre A Coruña e Oleiros ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro e unha conexión especial ao parque acuático de Cerceda

Recupérase o funcionamento da liña de autobús cara as praias, que o ano pasado tivo unha grande acollida entre os usuarios, e que se estará en servizo ata o 31 de agosto

As persoas que viaxen desde A Coruña chegarán directamente ás paradas de Santa Cristina e das Covas, preto da praia de Bastiagueiro, beneficiándose tamén os veciños de Oleiros destes servizos ás praias do municipio

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade activa desde mañá os servizos de autobús entre A Coruña e Oleiros ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro, ademais dunha conexión especial ao parque acuático de Cerceda.

 

Recupérase así o funcionamento da liña de autobús especial praias, que permanecerá en servizo ata o 31 de agosto, tras a grande acollida por parte dos usuarios deste servizo durante o ano pasado.

 

O reforzo das conexións entre A Coruña, a praia de Santa Cristina, a praia de Bastiagueiro e Oleiros facilitará o acceso aos areais todos os días con 3 servicios de ida e 3 de volta. Así, ás paradas habituais desde Entrexardíns (A Coruña) a IES Miraflores (Oleiros), súmanse as paradas da avenida de Santa Cristina, próxima ao areal; e As Covas, de acceso á praia de Bastiagueiro.

 

O reforzo de conexións tamén se efectuará entre Cambre, Culleredo e Santa Cristina, con 3 conexións de ida e de volta. Estes servizos facilitarán o acceso á praia de Santa Cristina e efectuarán as paradas habituais entre A Barcala, O Burgo e Pasaxe, con parada na praia de Santa Cristina.

 

Iníciase, ademais, un servizo especial na liña de Entrexardíns, Praza Galicia e o parque acuático de Cerceda, con paradas en Entrexardíns-estación autobuses-Vilaboa-praza Galicia-Tarrío-Celas-parque acuático Cerceda.

 

Con este servizo garántese a conexión en transporte público ao parque acuático, con saída diaria de Entrexardíns, ás 11:30 horas e regreso ás 20:00 horas.

 

Nestes servizos, como en todos os autobuses da Xunta, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova e o resto de usuarios do transporte público da Xunta poden beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG.

 

A información dos horarios dos servizos de autobús da Xunta e a nova configuración das paradas que se engaden poderán ser consultadas na web www.bus.gal

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2022