Rueda destaca o investimento de máis de 8,4 M€ na adquisición de 8 equipos de radioloxía vascular e neurovascular para os hospitais do Sergas

“Esta tecnoloxía chegará por primeira vez ás áreas de Lugo , Ferrol e Ourense, o que evitará que pacientes teñan que desprazarse a outros hospitais para estas probas ou tratamentos”, indica

Ademais, no caso do HULA e do CHUO, di que o Goberno galego está a destinar máis de 3,6 M€ do orzamento autonómico para realizar as obras necesarias que permitan incorporar a tecnoloxía do expediente aprobado hoxe
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O titular do Goberno galego informou durante a rolda de prensa do consello da Xunta de Galicia da adquisición de catro equipos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipos de neurovascular intervencionista que terán como destino os hospitais da rede sanitaria pública galega e nos que se vai investir 8,4 millóns de euros.

O Goberno galego continúa así coa súa aposta por reforzar o equipamento dos centros sanitarios, na procura de acadar unha optimización dos servizos asistenciais da comunidade, e así garantir unha axeitada cobertura sanitaria ao conxunto da poboación galega. No tocante aos catro equipamentos de radioloxía vascular intervencionista, repartiranse entre as áreas sanitarias da Coruña e Cee; Vigo; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; e Ferrol. Os equipamentos de radioloxía neurovascular intervencionista van para as áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; A Coruña e Cee e Santiago e Barbanza.

“Deste modo, esta tecnoloxía chegará por primeira vez ás áreas de Lugo, Ferrol e Ourense, o que evitará que pacientes teñan que desprazarse a outros hospitais para estas probas ou tratamentos”, abundou, mentres que os cinco equipamentos restantes servirán para renovar e modernizar o equipamento existente.

Os novos sistemas de radioloxía vascular e neurovascular permiten realizar unha ampla gama de procedementos, mellorando os tempos e os resultados. A radioloxía vascular intervencionista cobre as técnicas diagnósticas e tratamentos minimamente invasivos guiados por imaxe. Coa axuda dunha guía cun diámetro de só 1-2 milímetros introdúcense catéteres nos vasos sanguíneos ou outros condutos para guialos ata a localización da enfermidade e así poder tratala.

Por outra parte, a neurorradioloxía intervencionista (NRI) é unha área de dedicación especial recoñecida pola Sociedade Española de Neurorradioloxía, orientada ao tratamento de enfermidades do sistema nervioso central, medula espinal, columna vertebral e rexión da cabeza e pescozo. É unha especialidade médica para o tratamento minimamente invasivo, guiado por raios X, de lesións na cabeza, pescozo e a medula. Consiste na realización de intervencións neurolóxicas sen necesidade de cirurxía aberta.

Equipamento Plan INVEAT

Ademais, Rueda lembrou que este ano os orzamentos da Xunta incorporan 61,3 millóns para renovar e ampliar o equipamento de diagnóstico por imaxe en toda Galicia. Esta suma é resultado da proposta que presentou a Xunta ao Plan INVEAT, un instrumento creado polo Ministerio de Sanidade para canalizar os fondos Next Generation cara á renovación e ampliación dos equipamentos de diagnóstico por imaxe no Sistema nacional de Saúde. Galicia recibiu un 7,7 % dos fondos a repartir neste plan.

Con todo, a Xunta de Galicia decidiu complementar estes fondos europeos distribuídos polo Goberno central con fondos do orzamento autonómico para poder adquirir equipamentos dunha gama de calidade máis alta, como sucedeu na adquisición de TAC de tecnoloxía espectral ou resonancias magnéticas.

 

No caso concreo do contrato aprobado hoxe, aínda que os equipamentos se van adquirir por un importe dentro do rango do financiado polo ministerio, a súa incorporación nos hospitais de Lugo e Ourense requirirá de obras para a súa instalación, que correrán a cargo dos orzamentos autonómicos.

 

Así, o pasado 23 de xuño xa se publicou a licitación da obra de implantación da unidade de neurorradioloxía no Hospital Universitario Lucus Augusti por un importe de 700.000 euros. No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, despois da aprobación este mesmo mes do anteproxecto de obra, está pendente de informes técnicos para proceder á súa licitación nas vindeiras semanas o contrato de proxecto de execución e obra de reforma da área de Radioloxía Vascular por un importe de 2,9 millóns de euros.

 

Deste xeito, dixo, a Xunta de Galicia está a destinar máis de 3,6 millóns de euros en obras nos hospitais de Lugo e Ourense para que podan incorporar a tecnoloxía que hoxe se aproba.

 

Pola súa banda, o equipamento de radioloxía vascular de Ferrol instalarase nun espazo específico que se habilitará no soto do Arquitecto Marcide, no marco do Plan director do CHUF que conta na súa Fase I cun investimento de máis de 49 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2022