Rueda anuncia unha nova liña de axudas para a mellora da competitividade e da calidade dos establecementos hostaleiros dotada con arredor de 3 M€

Esta liña de axudas foi posta en marcha o ano pasado no marco do conxunto de medidas impulsadas pola Xunta para apoiar ao tecido empresarial galego fronte ás circunstancias derivadas da pandemia

As solicitudes concedidas na convocatoria anterior foron 464 por un importe de preto de 6 millóns de euros

Nesta nova orde de axudas quedan excluídas as empresas que xa foron beneficiarias desta subvención o ano pasado e as vivendas de uso turístico

As axudas están destinadas a subvencionar actuacións que incrementan a seguridade nos locais. “Son cambios que chegaron para quedarse”, indicou o presidente da Xunta

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a coñecer hoxe o acordo do Consello da Xunta para a posta en marcha dunha nova liña de axudas para a mellora da competitividade e da calidade dos establecementos hostaleiros dotada con arredor de 3 millóns de euros.

A nova convocatoria, que se publicará o 1 de xullo no Diario Oficial de Galicia, conta cun orzamento de 3 millóns de euros, financiados ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O importe máximo de subvención será do 90 % do investimento solicitado, cun máximo de 50.000 euros por beneficiario.

As axudas están destinadas a subvencionar actuacións que incrementan a seguridade nos locais e que son un elemento que diferencia e dá valor aos establecementos hostaleiros. “Son cambios que chegaron para quedarse”, indicou o presidente da Xunta. Están destinadas a subvencionar actuacións como sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, portas e consignas automáticas, controis de acceso, renovación de aire, sistemas de climatización e softwares de control asociados, así como sistemas de check-in automáticos.

Tamén serán subvencionables a carteleira, rotulación, sinalización e actuacións vinculadas coa mesma, equipamentos como medidores de CO2, ionizadores, dispensadores; así como reformas orientadas á creación de espazos que suxiran maior amplitude, e novos equipamento de hixienizado e lavado, entre outros. Con esta medida, a Xunta quere seguir contribuíndo á modernización e mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros mediante a adquisición de novo equipamento.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas do sector da hostalaría que teñan o seu domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais, albergues turísticos e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración, recollidos nos capítulos IV e V da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Nesta nova orde de axudas quedan excluídas as empresas que xa foron beneficiarias desta subvención na convocatoria anterior e as vivendas de uso turístico reguladas no Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia. “O obxectivo é chegar ao maior número posible de empresas”, indicou o presidente da Xunta.

Antecedentes

Esta liña de axudas foi posta en marcha o ano pasado no marco do conxunto de medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para apoiar o tecido empresarial galego fronte ás circunstancias derivadas da pandemia.

As solicitudes concedidas na convocatoria anterior foron 464 por un importe de preto de 6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2022