A Xunta colaborará coa Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti para promover a igualdade no rural a través do teatro e actividades divulgativas

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade referendará un novo convenio coa entidade conformada por máis de 300 asociacións veciñais da provincia luguesa

Compartir
  • whatsapp

Lugo, 30 de xuño de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colaborará por terceiro ano consecutivo coa Federación de asociacións veciñais Lucus Augusti de Lugo no desenvolvemento dun programa de igualdade e prevención da violencia de xénero no medio rural desa provincia. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantiveron hoxe unha xuntanza coa directiva desta entidade que, grazas a unha achega de 40.000 euros, desenvolverá iniciativas de sensibilización coas que pretende fomentar a participación efectiva das mulleres e sensibilizalas contra a violencia de xénero.

Desde o ano 2020, a Xunta vén asinando convenios con Lucus Augusti. Coa nova aportación, esta colaboración superará en tres anualidades os 105.000 euros destinados á promoción da igualdade por parte desta entidade que representa a 300 asociacións da provincia e a un total de 20.000 persoas.  

O novo marco permitirá a federación desenvolver iniciativas de traballo con mulleres e homes de contornas rurais ou pequenos núcleos urbanos. Trátase de abordar con eles aspectos de igualdade e de loita contra a violencia de xénero. Entre outros obxectivos, preténdese defender, fomentar e promover os intereses a residentes en núcleos pequenos, e brindarlles asesoramento sobre os recursos ao seu alcance.

Lucus Augusti, entre outras medidas, porá en marcha campañas, charlas, cursos de memoria, obradoiros de empoderamento e teatro para a igualdade. Esta última iniciativa trata de achegar realidades sociais diferentes ao público a través de dúas pezas interpretadas por voluntarias do grupo Mulleres Veciñais para facer desta arte escénica unha ferramenta de sensibilización cun propósito transformador de estereotipos.

A través deste convenio, financiado con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o Goberno galego sufragará os gastos de alugueiro de locais, de desprazamento, de persoal ou de formación vencellados ás actividades a desenvolver.

Os representantes da Xunta valoraron hoxe na xuntanza o interese público, social e humanitario das propostas de Lucus Augusti, entidade con maior representatividade veciñal na provincia que comparte obxectivos de traballo a prol da igualdade en contornas de conformación rural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2022