A plataforma TELEA do Sergas recibe o premio IESE-Novartis á excelencia operativa en xestión sanitaria

A plataforma TELEA foi premiada na categoría de “Iniciativas innovadoras de xestión baseadas en Novas Tecnoloxías da Información e o Coñecemento”

Esta aplicación informática, ten como obxectivo mellorar a calidade da atención seguimento sanitario na comunidade galega
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

A candidatura ‘TELEA: Seguimento de pacientes mediante teleasistencia no SERGAS’, vén de acadar o Premio IESE-Novartis á excelencia operativa en xestión sanitaria, na categoría de “Iniciativas innovadoras de xestión baseadas en Novas Tecnoloxías da Información e o Coñecemento”. Deste xeito, a plataforma do Servizo Galego de Saúde converteuse nunha das 3 iniciativas galardoadas nesta convocatoria, entre as 96 candidaturas que foron presentadas a nivel nacional.

Telea é unha plataforma tecnolóxica que destaca por presentar unha doble funcionalidade. Por un lado, de cara ao paciente, que introduce información relativa ao seu estado de saúde na aplicación e, polo outro; de cara ao profesional, que visualiza e valora toda esta información na historia clínica do paciente de forma proactiva para poder monitorizar a súa evolución mentres o paciente se encontra no domicilio. Así mesmo, tamén conta coa posibilidade de utilizar mensaxería -vía SMS-, chamada telefónica e videoconsulta, o que facilita enormemente a comunicación entre pacientes e profesionais sanitarios. Actualmente, Telea está configurado para 25 perfís de pacientes tanto do ámbito da atención hospitalaria como de atención primaria.

Telea é un dos recursos tecnolóxicos mellor considerados polos usuarios do Servizo Galego de Saúde. En concreto, nos estudos de satisfacción realizados, un 95% dos usuarios indican que volverían a utilizar a plataforma. 

A maiores da súa aceptación popular e do premio IESE-Novartis, este galardón engádese ao recente recoñecemento recibido por parte da Comisión Europea, que lle concede a Telea a categoría de “Boa práctica” (Best Practice) na súa aplicación nos sistemas sanitarios en Europa. Desta forma, a plataforma convértese nun modelo de tecnoloxía punteira a transferir a outros países da Unión.

Desde que se iniciou a súa implantación converteuse nunha ferramenta imprescindible para moitos pacientes, coidadores e profesionais. A súa utilización foi un dos principais apoios para moitas persoas illadas nos seus domicilios a consecuencia da covid-19, conseguindo diminuír os días de estadía hospitalaria e a mortalidade naqueles pacientes seguidos por este sistema.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 30/06/2022