O director xeral de Cultura e a delegada territorial da Xunta presentan en Vialia, na praza da Estación a mostra ‘100% María Casares. O teatro é o refuxio’

A Xunta inaugura en Vigo a exposición de rúa coa que celebra o centenario de María Casares

Tras o seu paso por Santiago de Compostela e Ferrol, permanecerá en Vigo ata 28 de xullo para logo continuar a itinerancia en Lugo, Pontevedra e Ourense
 
Artéllase en dez grandes áreas temáticas situadas en forma de estrela a través das que se achega á cidadanía diferentes facetas persoais e profesionais da artista
 
Enmárcase na programación institucional do centenario da actriz durante que tamén conta con propostas escénicas, relatorios ou proxectos audiovisuais, entre outras
Vigo, 30 de xuño de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inauguraron hoxe en Vialia, na Praza da Estación a exposición 100% María Casares. O teatro é o refuxio. Promovida polo Goberno galego no marco da conmemoración do centenario da actriz e comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, a mostra itinerante poderá visitarse ata o 28 de xullo.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a oportunidade que ten Vigo de achegarse así á figura de María Casares e o seu legado cunha mostra concibida para ser exposta nas principais rúas do territorio galego.  Recordou que se enmarca na programación que durante todo este ano leva a cabo o Goberno galego para homenaxear a María Casares no seu centenario, que inclúe exposicións, conferencias, proxectos escénicos e audiovisuais, entre outras propostas

 

A exposición inaugurada en Vigo artéllase arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela. Impresos por ambas caras, tratan diferentes temáticas arredor de María Casares, tanto de carácter persoal como profesional que inclúen a súa familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz: A Coruña e Madrid. Tamén se afonda no exilio a París, na súa experiencia na gran pantalla, na relación con Albert Camus e na súa entrega ao teatro.

 

O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París. 

 

Ano de homenaxes

 

Continúa así a programación institucional que inclúe propostas de distintas disciplinas, desde conferencias, exposicións, propostas escénicas ou audiovisuais.   Unha das últimas incorporacións á programación foi o proxecto audiovisual María Casares. Voces para un centenario, materializado en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), así como as cinco pezas audiovisuais sobre a figura da artista realizadas entre a Xunta e a CRTVG empregando a técnica de stop motion, que están sendo xa emitidas pola Televisión de Galicia.

 

No seu conxunto, a programación está composta por proxectos deseñados en colaboración con diversas entidades, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia ou o Instituto Cervantes, entre outras que permitirán estender a homenaxe máis aló de Galicia, con accións en Madrid e París.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/06/2022