A Xunta traslada ao diálogo social os avances que situarán a Galicia nos próximos anos á vangarda da igualdade e a loita contra as discriminacións

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compartiu hoxe cos representantes da CEG, CCOO e UXT as liñas estratéxicas da nova Lei de Igualdade que se tramitará no Parlamento antes de que remate o ano

Destacou tamén que a Xunta xa ten aprobado VIII Plan de igualdade de oportunidades 2022-2027 con 935M€ e o III Programa Muller e Ciencia dotado con outros 45M€ que situarán a Galicia en posición de vantaxe para acadar a igualdade efectiva

O Goberno galego creará un selo que distinguirá ás empresas comprometidas coa igualdade e que fomenten o benestar entre os seus traballadores
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe unha nova xuntanza do Diálogo Social, na que trasladou aos representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e de Comisións Obreiras e UXT, os avances que para a comunidade suporá a nola Lei de Igualdade, así como o VIII Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 e o III Programa Muller e Ciencia; que situarán a comunidade á vanguarda da loita contra as discriminacións en todos os ámbitos.

A nova Lei de Igualdade levarase a tramitación parlamentaria antes de que remate este ano. O texto que se está a preparar na Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, situará a Galicia como referente -tamén no eido laboral-  trasladou a conselleira, xa que impulsará a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos, recoñecerá a discriminación múltiple e introducirá a idea do benestar laboral vencellada coa conciliación, a maternidade, a prevención de riscos ou o teletraballo.

Esta norma dedicará un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino. Porá o foco en concienciar respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para desempeñar un posto de traballo e poder compatibilizar este exercicio coa atención das responsabilidades familiares e o desfrute da vida persoal.

Galicia será ademais a primeira comunidade en regular, neste marco, os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral, e así o puxo de relevo Lorenzana, quen lembrou que ademais sectores profesionais específicos como as mulleres do mar, e as residentes no rural, contarán cun Estatuto que recollerá unha relación propia de dereitos.

Na xuntanza cos representantes do Diálogo Social, a conselleira trasladou que o VIII Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 -cun orzamento de 935,5 millóns de euros, o maior da historia dun documento de planificación destas características- colocará a Galicia en situación de vantaxe para avanzar na loita contra as discriminacións e conseguir unha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos.

Noutra orde de cousas, Lorenzana explicou que a Xunta traballará os próximos anos para diminuír a fenda de xénero no eido da ciencia e da investigación e para situar a máis mulleres á fronte dos equipos. Neste sentido lembrou que o III Programa Muller e Ciencia, aprobado o pasado xuño en Consello, contará con 45M€ que permitirán desenvolver actuacións que impactarán na carreira de máis de 600 galegas e na doutras 30 que poderán acceder a postos directivos.

Selo de igualdade

Lorenzana explicou ás persoas participantes na reunión desta mañá que a Xunta traballa nunha nova regulación da certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que fomenten o benestar laboral entre os seus traballadores. Trátase dun recoñecemento público ás compañías que sexan exemplo de boas prácticas neste eido.

Incidiu en que esta credencial insírese no conxunto de medidas coas que o Goberno galego está a apostar pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido ao que o departamento autonómico destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021.

Data de actualización: 01/07/2022