A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes da frota galega para analizar a prohibición da pesca de fondo en determinadas zonas de augas comunitarias

Galicia prepárase para recorrer á vía xudicial na defensa da súa frota se Bruxelas decide aplicar o veto á pesca de fondo

A comunidade está a analizar en profundidade o acordo acadado no seo da Unión Europea e fará un seguimento exhaustivo dos pasos que dea o Executivo comunitario de cara á súa posible entrada en vigor


A Xunta e o sector afectado estudan as ferramentas xurídicas ao seu alcance co obxectivo de reverter a súa aplicación e asinarán un manifesto en defensa da frota creando unha fronte común á que convidarán a sumarse a outras comunidades e rexións pesqueiras europeas


 Rosa Quintana lembra que a proposta da Comisión Europea foi aprobada sen maioría cualificada, polo que pide que paralice a súa tramitación e inicie unha nova consulta, seria e rigorosa, entre todas as partes implicadas


A conselleira do Mar lamenta que Bruxelas non aportase ditames biolóxicos nin socioeconómicos para avalar as súas teses e defende que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes das principais organizacións pesqueiras de Galicia e expertos xurídicos para analizar as repercusións do veto aprobado pola Unión Europea para a pesca de fondo en determinadas áreas do litoral comunitario. Neste sentido, a titular de Mar explicou que a Xunta está a estudar en profundidade o acordo acadado e fará un seguimento exhaustivo dos pasos que dea o Executivo comunitario neste sentido co obxectivo de defender, en caso de que sexa necesario, pola vía xurídica os intereses da frota pesqueira galega afectada. 

A representante do Goberno autonómico incidiu en que a comunidade vai estudar da man do sector as consecuencias da posible entrada en vigor desa medida e as ferramentas xurídicas que ten ao seu alcance para revertela recorréndoa xudicialmente. Neste sentido, a Xunta e asociacións da frota tamén asinarán nos vindeiros días un manifesto en defensa da actividade extractiva coa que crearán unha fronte común á que convidarán a sumarse ao resto de comunidades e rexións pesqueiras da UE.  

Rosa Quintana lamentou a resolución aprobada no seo da UE e lembrou que foi validada sen maioría cualificada, con case tantos países que se abstiveron, non votaron ou votaron en contra como os que apoiaron a medida. Por iso, mostrou a súa confianza en que a Comisión Europea rectifique e inicie unha nova consulta, seria e rigorosa, entre todas as partes implicadas.

A titular de Mar asegurou que a aplicación desta medida suporía un importante prexuízo para a frota de Gran Sol e os barcos de litoral que faenan en augas comunitarias e poría en risco centos de postos de traballo. O veto ás artes de fondo en preto dun centenar de zonas de pesca, denunciou a conselleira, semella basearse en datos parciais e totalmente desactualizados e non tivo en conta outros moitos informes sobre as consecuencias desta prohibición como os aportados por Galicia.

Nesta liña, Rosa Quintana cualificou de indignante a actuación de Bruxelas nesta cuestión pois tampouco aportou ditames biolóxicos nin socioeconómicos que sustenten a súa proposta, unha falla de argumentos sólidos que, incidiu, provocou esa elevada abstención na votación.

A representante da Xunta defendeu que todas as artes de pesca son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben e lamentou que o Executivo comunitario dea prioridade novamente ás teses medioambientalistas por enriba das aportadas polos científicos e o propio sector. Por iso, trasladou aos representantes da frota o compromiso do Goberno galego de loitar ata as últimas consecuencias na defensa dos seus intereses.

De feito, incidiu en que o sector pesqueiro galego ten perfectamente acreditado que traballa de xeito respectuoso cos recursos e que é o primeiro interesado en preservalos coa finalidade de garantir o futuro da actividade. Unha mostra dese compromiso é o feito de que a maioría dos caladoiros nos que faena a frota galega se atopan en bo estado biolóxico.

A conselleira do Mar estivo acompañada no encontro polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e nel participaron representantes de distintas organizacións de produtores pesqueiros de Galicia, da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e doutras asociacións de armadores así como da Fundación MarInnleg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, dependente da Universidade da Coruña.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 01/07/2022