Expertos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dirixiron cadanseu obradoiro neste evento

A Xunta destaca a súa experiencia na transferencia de coñecementos ao agro e na xestión do territorio rural no Congreso Internacional de asesoramento de Galicia

Técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria coordinaron o obradoiro sobre os procesos de intercambio e transferencia do coñecemento ao sector rural a través da extensión

Pola súa banda, os especialistas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural centráronse nas diferentes iniciativas impulsadas pola Xunta para facer fronte ao abandono e a infrautilización das terras agrarias, así como ao reto demográfico e á necesidade de promover a remuda xeracional nas explotacións
 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta tivo unha presenza destacada, a través da Consellería do Medio Rural, no Congreso Internacional sobre asesoramento celebrado no Campus Terra da USC en Lugo a semana pasada. Expertos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ambas dependentes da devandita consellería, dirixiron cadanseu obradoiro neste evento.

Así, a primeira destas axencias coordinou o obradoiro sobre os procesos de intercambio e transferencia do coñecemento ao sector rural a través da extensión, co obxectivo de lograr un desenvolvemento rural sustentable. A formación correu a cargo de investigadores e técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, entre outros especialistas. Así, os expertos da Xunta abordaron a transferencia de coñecementos desde centros como esta axencia ao sector agrogandeiro de Galicia ou a importancia de crear zonas de confianza, redes ou foros de traballo conxuntos que favorezan o intercambio e o contacto permanente entres asesores públicos e privados. Tamén sinalaron, entre outras cuestións, a importancia da formación especializada para poder afrontar os retos da dixitalización no medio rural, así como da asimilación da innovación neste mesmo ámbito.

O programa deste taller incluíu ademais referencias á evolución do asesoramento público en Galicia, expoñéndose tamén un caso práctico de xeración e transmisión de coñecemento dende un organismo público, como é o caso do emprego dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícolas na Rexión Foral de Navarra. Participaron neste obradoiro un total de 25 persoas, de diferentes ocupacións relacionadas co eido de traballo, coma asesores, investigadores, profesores ou produtores; isto quere dicir que o obradoiro impartido pola Xunta foi o segundo con maior asistencia de todos os celebrados neste congreso.

Ademais do obradoiro de traballo grupal, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria organizou ao día seguinte unha xornada técnica de campo na que se percorreron diferentes zonas da montaña lucense. Así, visitouse unha área de concentración parcelaría do concello de Baleira, unha zona de viñedo da Indicación Xeográfica Protexida “Terras do Navia” en Negueira de Muñiz e unha explotación cárnica con restaurante na Fonsagrada, entre outras.

Xestión do territorio

Pola súa parte, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coordinou o taller sobre a xestión do territorio e outras medidas contra o despoboamento das zonas rurais. Neste obradoiro abordáronse as diferentes iniciativas impulsadas pola Xunta para facer fronte ao abandono e a infrautilización das terras agrarias, así como ao reto demográfico e á necesidade de promover a remuda xeracional nas explotacións. Neste sentido, puxéronse en valor as diferentes ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como son as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, entre outras medidas.

Este congreso internacional sobre asesoramento estivo organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa IALB alemana, EUFRAS (dependente da Unión Europea) e SEASN, formada por países do sueste europeo. Estes eventos pretenden atallar os desafíos a curto, medio e longo prazo no rural, así coma fomentar os sistemas de coñecemento e innovación agrícolas e outras técnicas para mellorar o traballo agrícola e gandeiro.

Data de actualización: 02/07/2022