A Xunta pon de relevo no 8º Congreso forestal español o labor do Centro de Investigación Forestal de Lourizán en mellora xenética ou na recuperación do solo tras os lumes

Representantes deste centro dependente da Consellería do Medio Rural fixeron diversas presentacións no marco da cita que tivo lugar esta semana en Lleida

Abordaron temas como a resistencia ao nematodo do piñeiro, o desenvolvemento de tecnoloxías para garantir a calidade da madeira de coníferas ou a avaliación da severidade do lume no solo tras incendios en piñeirais do centro e sur de España

O Congreso forestal español constitúe o principal foro de encontro para os profesionais forestais do Estado e dá cabida aos resultados das investigacións e experiencias máis destacadas en materia de ciencias e técnicas forestais
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, estivo presente esta semana no 8º Congreso forestal español que se celebrou en Lleida, con diversas presentacións sobre mellora xenética ou sobre a recuperación dos terreos afectados por incendios forestais.

En concreto, no eido da mellora xenética, representantes do CIF de Lourizán abordaron os seus avances de cara á resistencia ao nematodo do piñeiro, a catalogación de proxenitores de familia de Pinus pinaster tolerantes á enfermidade causada por este parasito e a avaliación da susceptibilidade de 32 procedencias de Pinus pinaster tamén fronte ao nematodo. Ademais, falouse do desenvolvemento de tecnoloxías non destrutivas para garantir a calidade da madeira de coníferas, dos efectos da fertilización de establecemento en plantacións de Pinus pinaster e da variación intraespecífica e estabilidade do crecemento en piñeiro marítimo en base a 15 ensaios xenéticos.

A maiores, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán trasladou o seu traballo relativo á avaliación da severidade do lume no solo despois de incendios en piñeirais do centro e sur de España. Tamén o seguimento mediante sensores LIDAR da evolución da matogueira e sotobosque en zonas de pastoreo con porco celta en réxime extensivo e alimentación autónoma.

Cabe destacar que o Congreso forestal español constitúe o principal foro de encontro para os profesionais forestais do Estado. Organizado pola Sociedad Española de Ciencias Forestales, dá cabida aos resultados das investigacións e experiencias máis destacadas en materia de ciencias e técnicas forestais, buscando fomentar a análise e o debate para encontrar novas ideas e propostas que melloren a xestión forestal e orientar a política no sector de maneira que converxa cos intereses da sociedade.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 03/07/2022