A Xunta declara a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de San Estevo de Pol

Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 89 propietarios e afecta a unha superficie total de 354 hectáreas

Con esta zona serán un total de sete os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron no concello lugués de Pol, representando en total 4.912 hectáreas que supoñen o 36,21% do territorio do municipio
 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, vén de declarar a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de San Estevo de Pol, no concello lugués de Pol.

Así, dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que afecta a unha superficie de 354 hectáreas distribuídas en 151 predios de substitución pertencentes a 89 propietarios, resultantes de reestruturar as 511 parcelas iniciais. Esta mellora permítelle ás explotacións da zona reducir os seus custos de produción.

Tras esta firmeza do acordo, só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará finalmente terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade.

Con esta zona serán un total de sete os procesos de concentración parcelaria que se desenvolveron no concello de Pol. Ao de San Estevo de Pol agora a piques de rematar, súmase a reordenación da propiedade xa levada a cabo en Balonga, Caraño, San Andrés de Ferreiros, San Martín de Ferreiros, Silva-Eirón e Torneiros. Todos eles representan un total de 4.912 hectáreas que supoñen o 36,21% do territorio do municipio de Pol.

Cabe engadir que o impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 12 millóns de euros, co fin de pechar administrativamente os 94 procesos que a día de hoxe están abertos.

Nesa dirección, cómpre sinalar que desde o ano 2020 se entregaron a preto de 10.000 titulares case 23.300 títulos de propiedade no marco de 21 procesos de reestruturación parcelaria.

Data de actualización: 03/07/2022