A Xunta convoca os Premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, de danza e de artes plásticas e deseño

O importe de cada galardón é de 1.000 €

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 26 de xullo

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia convoca os premios extraordinarios para o alumnado de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño correspondentes ao curso 2021/22, cos que se recoñecerá o traballo dos estudantes destas disciplinas.

Poderanse conceder ata un máximo de seis premios extraordinarios, tres deles no ámbito de Música, un no ámbito de Danza e dous no ámbito de Artes Plásticas e Deseño. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 1.000 €.

Para optar a estes premios as persoas aspirantes deben contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais, nos ámbitos de Música ou de Danza, ou unha nota media final igual ou superior a 8,75 no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Nos ámbitos de Música e Danza deben, ademais, presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal a persoa aspirante interprete tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais. Pola súa banda, as persoas aspirantes no ámbito de Artes Plásticas e Deseño deben presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto/obra final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorran.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 26 de xullo. Presentaranse, de xeito preferible, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/07/2022