Universidades, fundacións e cámaras trasladan á Xunta a importancia dunha intelixencia artificial ética e supervisada nunha comunidade coa singularidade demográfica de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantén encontros con todos os grupos de interese para reforzar as opcións da nosa Comunidade para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 02 de xullo de 2022 A Intelixencia Artificial pode desempeñar un papel fundamental na mellora da calidade de vida, un envellecemento saudable e activo e un mellor coidado dos colectivos dependentes, segundo destacaron os representantes das fundacións, asociacións e cámaras de comercio que participaron nas sesións consultivas para a configuración da candidatura de Galicia para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia mantén encontros con todos os grupos de interese de Galicia relacionados co desenvolvemento e o uso desta tecnoloxía. Nestas xuntanzas recébense as súas aportacións para reforzar as opcións da nosa Comunidade para acoller este organismo que será creado e, previsiblemente, descentralizado nos vindeiros meses polo Goberno do Estado.

 

Na xuntanza con fundacións e asociacións participaron a ONCE, Cruz Vermella, a Fundación Barrié, Afundación e o Consello de Cámaras de Galicia. As persoas participantes coincidiron en destacar que as solucións que pode aportar a Intelixencia Artificial son dunha enorme axuda en rexións coas características demográficas de Galicia.

 

No segundo destes encontros participaron os colexios e asociacións profesionais dos ámbitos tecnolóxico e xurídico, que expresaron a súa preocupación pola aplicación ética da Intelixencia Artificial, e salientaron a necesidade de dispoñer dun marco de actuación nesta materia cun potencial desenvolvemento normativo. O obxectivo é que esta tecnoloxía avance baixo unha lexislación uniforme que protexa á cidadanía. Neste sentido, consideran fundamental a creación de certificacións profesionais vencelladas ás competencias en IA, non soamente para perfís técnicos, senón tamén para calquera profesional que poida ter unha interacción con estas tecnoloxías.

 

Os representantes das tres universidades públicas galegas incidiron na singularidade do territorio que fai de Galicia unha rexión de grande interese para actuar como “campo de probas” para a aplicación da intelixencia artificial, de forma ética e supervisada. Destacaron tamén o interese engadido de ser un territorio cunha lingua propia e a proximidade con Portugal.

 

Na actualidade, as universidades de Galicia dispoñen de dúas titulacións de post-grao relacionadas con IA: o Mestrado en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais e o Mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial.

 

As sesións de consulta programadas pola Xunta continuarán con outros tres encontros nos que participarán as empresas tecnolóxicas e as compañías doutros sectores que desenvolven ou adquiren intelixencia artificial, e un encontro cos centros tecnolóxicos e de investigación. O obxectivo é poder trasladar á memoria xustificativa da candidatura galega as aportación do ecosistema da Intelixencia Artificial de Galicia.

Data de actualización: 02/07/2022