A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse recentemente co alcalde e o presidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial

A Xunta e o Concello do Pereiro de Aguiar avalían os pasos a seguir para avanzar na ampliación do polígono

O proxecto está incluído na modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, que actualmente está a tramitar o Goberno autonómico

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia e o Concello do Pereiro de Aguiar avaliaron xuntos os próximos pasos a seguir desde o punto de vista municipal para avanzar na posible ampliación do polígono do municipio.

Este foi o asunto principal da reunión que mantiveron hai uns días a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o alcalde, Luis Menor, e o presidente da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Pereiro, Eduardo Cid.
 
O proxecto de ampliación, que abrangue un ámbito de ao redor de 194.000 metros cadrados, está incluído na modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), que actualmente está a tramitar o Goberno autonómico.
 
Neste sentido, faise necesario incrementar a superficie actual do polígono debido a que, nestes momentos, xa non queda ningunha parcela dispoñible coa que atender á demanda de solo empresarial neste municipio.
 
Así, Ángeles Vázquez confirmou que a posible ampliación do parque do Pereiro de Aguiar está prevista na segunda revisión do PSOAEG, pendente de aprobación definitiva. En todo caso, explicou que a súa execución material está condicionada a que se garantan unha serie de servizos básicos cos que cubrir de forma satisfactoria as necesidades das empresas chamadas a ocupar as futuras parcelas.
 
A conselleira puxo aos técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) á disposición do concello para asesoralos e colaborar na medida do posible sobre as xestións necesarias para avanzar na posible ampliación desta área empresarial.
 
Cómpre lembrar que o polígono do Pereiro de Aguiar foi promovido no seu día pola Xunta, cun investimento de 12,74 millóns de euros. En novembro do ano 2009 remataron as obras de urbanización da última fase do parque empresarial, que conta cunha superficie total de máis de 600.000 metros cadrados e no que todo o solo destinado a parcelas está actualmente ocupado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/07/2022