A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou en Muros as candidaturas a esta distinción

As Bandeiras Verdes de Galicia consolídanse na súa terceira edición ao recibir o triplo de candidaturas que en 2020

Ángeles Vázquez fai un balance moi positivo da reacción dos concellos ante esta iniciativa logo de recibir 20 propostas

Os municipios poderán utilizar este distintivo ao longo dun ano e, ademais, este recoñecemento suporá un mérito de cara á obtención de subvencións en materia de patrimonio natural

Compartir
  • whatsapp

Muros (A Coruña), 1 de xullo de 2022 As Bandeiras Verdes de Galicia consolídanse na súa terceira edición ao recibir o triplo de candidaturas que en 2020, tal e como salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, en Muros.

 

Durante a presentación das candidaturas da convocatoria de 2022, na que estivo acompañada pola alcaldesa muradá, Inés Monteagudo, a conselleira fixo un balance moi positivo da reacción dos concellos ante esta iniciativa logo de recibir 20 propostas. Entre elas hai 9 municipios que repiten candidatura con respecto ao ano pasado e varias novidades, como é o caso, por exemplo, do Concello de Muros.

 

Logo de lembrar que Galicia é pioneira na creación dun distintivo para poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural, Ángeles Vázquez incidiu no esforzo que realiza o Goberno galego para apreciar as boas prácticas ambientais.

 

De feito, para obter este recoñecemento os concellos deben cumprir varios criterios en catro ámbitos de actuación: ordenación do territorio, protección do medio ambiente e da paisaxe; cambio climático e eficiencia enerxética; xestión responsable dos residuos, e accións de sensibilización e comunicación.

 

Todas as candidaturas serán avaliadas por un xurado técnico, que será o encargado de determinar os concellos galardoados, que, posteriomente, recibirán as bandeiras o vindeiro 20 de outubro, coincidindo co Día internacional da paisaxe. Desde ese momento, os municipios poderán utilizar ese distintivo ao longo dun ano e, ademais, este recoñecemento suporá un mérito de cara á obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/07/2022