A Xunta invita os concellos da provincia de Ourense a coñecer os programas de axudas en materia de vivenda

É o duodécimo encontro informativo ‘Construíndo Fogar’ que se celebra en Galicia, o primeiro na provincia de Ourense, e terá lugar o vindeiro mércores, 6 de xullo, ás 10,30 h, no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, coa participación de persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo
 

Están convocados a participar no foro, aberto ao público en xeral, concellos, empresas e entidades do sector pertencentes aos 92 municipios da provincia
 

O obxectivo desta iniciativa é informar das principais liñas de incentivos dispoñibles para facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar e presentar a nova Oficina de rehabilitación de vivenda, un punto informativo habilitado polo Goberno galego para dar a coñecer os programas financiados con fondos europeos no eido residencial
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2022.- A Xunta de Galicia invita ao tecido social da provincia de Ourense a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

Esta nova sesión dos encontros informativos #ConstruíndoFogar terá lugar o vindeiro mércores, 6 de xullo, ás 10,30 horas, no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para informar dos detalles da trintena de liñas de incentivos que xestionará o Goberno galego este ano no eido residencial e resolver as posibles dúbidas dos asistentes.

Trátase do duodécimo destes foros que se celebra no conxunto da Comunidade e o primeiro na provincia de Ourense. Aínda que o evento está aberto ao público en xeral, foron convocados representantes municipais dos 92 concellos que integran a provincia; de entidades profesionais, como os colexios de arquitectos, de enxeñeiros técnicos e de peritos agrícolas, así como de empresas do sector da vivenda e da rehabilitación residencial, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños ou construtores desta área xeográfica.

O obxectivo é informar dos requisitos que se deben cumprir para poder beneficiarse de cada axuda, así como dos trámites que se deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes aínda de publicación.

Así, o IGVS dará conta dos diferentes programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia, a maioría deles dirixidos aos particulares, pero tamén nalgún caso dirixidos exclusivamente aos concellos.
 

Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda, tanto en réxime de compra como de alugueiro.

 

No encontro tamén se fará especial fincapé naqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como poden ser, no caso de Ourense, as axudas para compra de vivenda nos concellos con menos de 5.000 habitantes ¾81 dos 92 municipios da provincia¾; as destinadas a municipios incluídos na Área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, ou distintas liñas de subvencións para rehabilitación enerxética convocadas nos últimos meses para mellorar a eficiencia dos inmobles como poden ser o cambio de ventás, a mellora de cubertas e fachadas ou a substitución de equipos de calefacción e auga quente.

 
A nova Oficina de rehabilitación de vivenda

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera fundamentais estes encontros para dar a coñecer a existencia de todas as liñas de subvención dispoñibles, para animar aos posibles beneficiarios a presentar as súas solicitudes poñendo á súa disposición información directa, práctica e útil, e, sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

 

Así mesmo, o encontro organizado en Ourense servirá para presentar a Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha no mes de marzo pola Xunta para servir como punto informativo desde o que asesorar e dar a coñecer entre os potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.

Esta oficina, localizada en Santiago de Compostela, ao carón da sede central do IGVS, permanece aberta de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas, e ofrece atención tanto presencial, mediante cita previa, como por teléfono, a través do número 881 045 897.

Data de actualización: 03/07/2022