A Xunta reivindica o galeguismo integrador para afrontar os retos do contexto actual

Conde asegura que no complexo escenario que estamos a vivir é máis importante que nunca integrar, sumar o esforzo de todas as administracións e institucións, o tecido produtivo e a sociedade para acadar o obxectivo da recuperación e o crecemento sustentable


 Recoñece a traxectoria de todos os premiados, que contribúe a levar o nome de Galicia polo mundo


Eloxia o labor de Aega-Cat por saber fusionar o talento, a capacidade para emprender e a visión de negocio coas oportunidades que Cataluña ofrece
 

Barcelona, 1 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reivindicou hoxe o galeguismo integrador como fórmula para afrontar os retos do contexto actual. Así o manifestou na entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2022,que outorga a Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aega-Cat).

Conde asegurou que no complexo escenario que estamos a vivir é máis importante que nunca integrar, sumar o esforzo de todas as administracións e institucións, o tecido produtivo e a sociedade para acadar o obxectivo da recuperación e o crecemento sustentable.

Con estes premios, a Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña recoñece o labor de diferentes profesionais ou entidades que, como sinalou o vicepresidente primeiro da Xunta, contribúen a levar o nome de Galicia polo mundo. Nesta edición os galardoados foron o presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez-Franqueira; as investigadoras María de la Fuente Freire e Ana María Freire Veiga; a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami); o fotógrafo Manuel Outumuro; o ex ciclista Álvaro Pino; e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo. Ademais, outorgouse o Título Extraordinario de Excelencia Galega ao finado conselleiro de Facenda Valeriano Martínez.

Conde recoñeceulles a todos os premiados a súa contribución a facer Marca Galicia. E, do mesmo xeito, eloxiou o labor de Aega-Cat por saber fusionar o talento, a capacidade para emprender e a visión de negocio coas oportunidades que Cataluña ofrece.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/07/2022