Lete Lasa eloxia o nivel do fútbol sala galego e dos seus equipos femininos na presentación do congreso internacional “O camiño do futsal”

O Congreso Internacional de Futsal celébrase en Santiago de Compostela, o 1 e 2 de xullo, coa presenza de profesionais deportivos de primeiro nivel

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no acto de presentación do I Congreso Internacional de Futsal “O Camiño do Futsal”, onde falou da importancia de Galicia no fútbol sala destacando dous equipos femininos que fixeron historia.

 

O primeiro deles, hai aproximadamente corenta anos, o Sal Lence, impresionou a todo o mundo deportivo ao gañar en catro anos tres Ligas e dúas Copas de España e abrindo camiño para que outros equipos fixesen tamén historia máis tarde, coma o Burela Fútbol Sala. Precisamente o equipo da Mariña lucense foi catalogado nas dúas últimas entregas dos Futsal Planet Awards como o mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo.

 

O secretario xeral destacou ademais a capacidade do fútbol para repoñerse despois da pandemia da covid-19, superando rexistros anteriores e case alcanzando as cen mil licencias federativas na nosa comunidade (o 17% delas en fútbol sala). Do mesmo xeito, agradeceulles ás federacións o desenvolvemento dun evento desta magnitude en Santiago. Lete Lasa augurou unha exitosa celebración como ocorreu o pasado novembro co congreso internacional ‘O Camiño do fútbol’ que reuniu persoeiros como Manuel Pellegrini, José Luis Mendilibar, Aitor Karanka, Paco Jémez, Montse Tomé, Diego Martínez ou Paco Jémez.

 

O ‘Camiño do Futsal’ ten lugar no auditorio do edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Galicia, e reúne adestradores, seleccionadores, preparadores físicos, directores deportivos, ex xogadores, árbitros e psicólogos deportivos do máis alto nivel nacional e internacional. Polo congreso organizado pola Real Federación Española de Fútbol e a Real Federación Galega de Fútbol pasarán nomes como o do seleccionador nacional Federico Vidal; o seleccionador nacional finés, Mico Martic; o ex xogador, Paulo Roberto; o director deportivo da RFEF e ex seleccionador, Venancio López; a árbitra, Leticia Romero; ou o adestrador do Burela, Julio Delgado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/07/2022