Rueda anuncia que as UCIS dos hospitais galegos incrementarán os boxes individualizados para garantir a seguridade e a intimidade dos pacientes

Salienta que a política de humanización das UCIS, implantada xa nos novos hospitais de Lugo e Vigo e agora tamén no de Santiago, vaise estender aos da Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra no marco das respectivas obras de mellora

Avanza que a ampliación do CHUS, cun investimento de 72 millóns de euros, poderá licitarse na segunda quincena de xullo

Indica que o investimento da Xunta no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago elévase a máis de 110 M€ entre os anos 2009 e 2025

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que as UCIS dos hospitais galegos incrementarán os boxes individualizados para garantir a seguridade e a intimidade dos pacientes.

Nunha visita á reformada Unidade de Coidados Intensivos do hospital Clínico de Santiago de Compostela, o titular do Goberno galego salientou que a política de humanización das UCIS, implantada nos novos hospitais de Lugo e Vigo e agora tamén no compostelán, vaise estender aos da Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra no marco das respectivas obras de ampliación.

Alfonso Rueda explicou que, seguindo as recomendacións do chamado Proxecto Zero para a erradicación das infeccións, a Xunta puxera en marcha a mellora das UCIS para implantar un modelo máis seguro e humanizado. “É un avance fundamental nunha parte fundamental da sanidade que debemos poñer en valor”, dixo.

A pandemia amosou que o sistema de boxes abertos nas UCIS non resultaba operativo porque os pacientes corrían o risco de infectarse, o que obrigou, nos meses peores do coronavirus, a deixar inutilizadas camas para garantir as distancias de seguridade. Para evitar no futuro ese tipo de situacións, a Xunta está a implantar un novo sistema, seguindo unha política de humanización que, na práctica, consiste na transformación dos boxes en cubículos individualizados que, ademais de previr calquera tipo de infección, garanten a intimidade do paciente á vez que eliminan a contaminación ambiental e luminosa.

O novo modelo xa é unha realidade no Hospital Clínico de Santiago, no que se investiron 1,1 millóns de euros, o que permitiu que o número de boxes individualizados pasara de 2 a 10. Elimínase así a configuración aberta que se dá na metade das UCIS españolas, que é un modelo a superar, para acadar un sistema máis moderno, confortable, seguro e operativo.

Esta non foi a única gran inversión nos últimos anos, xa que a Xunta investiu 1,6 millóns na ampliación das urxencias e na creación dunha nova unidade de ictus. Ademais, está a piques de finalizar a reforma da farmacia e está previsto poñer en marcha dous novos servizos; un centro de protonterapia e un novo edificio de investigación.

Rueda agradeceu aos profesionais sanitarios todo o seu traballo, especialmente nos meses da pandemia e incidiu na importancia da sanidade pública. “Que os cidadáns saiban que os cartos dos seus impostos se están empregando para mellorar a sanidade”, afirmou.

Con todo, o proxecto máis ambicioso en relación ás infraestruturas sanitarias da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza é a ampliación do CHUS, cun investimento de 72 millóns de euros e que recolle un incremento de 30.000 m2 , case un 30% máis de superficie, así como a construción de dous novos edificios. O Consello da Xunta deu luz verde ao proxecto o pasado 20 de abril e está previsto sacar a licitación a obra en breve, na segunda quincena de xullo.

Sumando as melloras xa rematadas e as obras programadas, o investimento da Xunta no CHUS elévase a 110 millóns de euros entre os anos 2009 e 2025.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/07/2022