Un total de 66 agrupacións de defensa sanitaria gandeira beneficiaranse de máis de 2,15 M€ en axudas para continuar co seu labor

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás axudas aprobadas en virtude da convocatoria publicada en febreiro

Estas entidades desenvolven os programas de prevención e control de determinadas enfermidades animais, que melloran as condicións hixiénicas e de benestar animal das explotacións e contribúen a manter o bo estado sanitario da cabana galega
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás axudas concedidas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) de Galicia, para os anos 2022 e 2023.

As axudas, por un importe de 2.150.000 €, adxudicáronse a un total de 66 agrupacións: 50 de gando bovino, 9 de porcino, 3 de aves, 2 de coellos, 1 de ovino e cabrúns e 1 de visóns. Ademais, a orde de convocatoria establecía a posibilidade de que as entidades solicitaran un anticipo da axuda, sen necesidade de presentar garantías bancarias, do que a Consellería do Medio Rural xa tramitou o pago de 949.850 euros.

A finalidade destas axudas é a mellora do estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns destinados á preven-ción e control de determinadas enfermidades dos animais, programas que neste caso se desenvolverían entre o 1 de marzo de 2022 e o 28 de febreiro de 2023.

A través das mencionadas axudas subvencionase a contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización das actuacións sanitarias establecidas nos programas sanitarios, así como a adquisición do material funxible utilizado para o seu desenvolve-mento.

Entres as enfermidades para as que estas agrupacións desenvolven programas de vixi-lancia e control atópanse a rinotraqueite infecciosa bovina (IBR), a diarrea vírica bovina (BVD) e a paratuberculose no gando bovino; a paratuberculose e a enfermidade da fron-teira (BD) no gando ovino e cabrúns; a enfermidade de Aujeszky, a síndrome respiratoria e reprodutiva porcina (PRRS) ou os controis respecto a peste porcina clásica (PPC) e pes-te porcina africana (PPA) no gando porcino; a vixilancia da salmonelose e da influenza aviaria, nas explotacións aviares; a mixomatose e a enfermidade vírica hemorráxica, nos coellos; ou a enfermidade aleutiana, nos visóns. Ademais, os servizos veterinarios das ADSG realizan actuacións de control de parasitos internos e externos en todas as espe-cies.

A Xunta de Galicia considera que o desenvolvemento destes programas é fundamental para aumentar a rendibilidade das explotacións e asegurar a correcta comercialización dos animais e produtos de orixe animal galegos.

Data de actualización: 04/07/2022