O presidente da Xunta interveu na clausura da asemblea da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO)

Rueda salienta que a primeira edición da aceleradora Galicia Avanza axudará a 30 pemes innovadoras a exportar co apoio da Xunta e a Tecnópole

Asegura que o Novo Plan Estratéxico da Tecnópole servirá para renovar a fortaleza deste espazo de “innovación e progreso empresarial”

Resalta a importancia de estreitar a colaboración entre a administración e a economía e da unión entre institucións públicas e privadas ante un momento complexo

Salienta o bo comportamento do emprego en Galicia, xa que os datos que se coñeceron hoxe colocan á Comunidade na terceira cifra máis baixa da serie histórica e no mellor mes de xuño desde que hai rexistros
 

Ourense, 4 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou na clausura da asemblea da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) que a primeira edición da aceleradora Galicia Avanza axudará a 30 pemes innovadoras a exportar co apoio da Xunta e a Tecnópole.

 

Galicia Avanza, unha aceleradora impulsada pola Administración galega e a Tecnópole, conta cun orzamento de 2,24 M€ para fomentar a internacionalización das empresas. Nesta primeira edición serán 30 as pemes innovadoras ou de base tecnolóxica que se beneficien desta iniciativa para exportar os seus produtos e servizos.

 

Ao longo da súa intervención, Rueda lembrou o obxectivo final desta asemblea é “unir, estabilizar e saír máis fortalecidos”. Seguindo esta liña, incidiu na importancia da unión entre institucións públicas e privadas e estreitar a colaboración da administración e a economía nun momento económico complexo.

 

Rueda afirmou que un deses primeiros retos que esixen estabilidade está relacionada coa crecente inflación de dous díxitos que merma ingresos e carcome aforros. Nesta liña, Galicia segue a ser a segunda comunidade autónoma con menos endebedamento per cápita de toda España.

 

Deste xeito, agora “temos marxe para apoiar a familias e empresas cando o necesitan”, con medidas como a baixada de impostos coa redución do primeiro tramo do IRPF e a rebaixa no Imposto da renda para as familias con dous fillos, a implantación do bono social térmico para axudar a 66.000 fogares ou a activación dos préstamos para a industria manufactureira e unha nova liña de avais do Igape.

 

O titular do Goberno galego incidiu na importancia de aproveitar ao máximo os fondos de recuperación Next Generation con colaboración público-privada. Neste senso, salientou o papel do noso tecido empresarial coa inclusión da candidatura galega de proxectos sólidos que se aliñan cos obxectivos europeos de transformación ecolóxica e dixital.

 

A potencialidade de Ourense

Durante o seu discurso, Alfonso Rueda lembrou o “papel protagonista” que xoga Ourense no progreso económico. A provincia alberga empresas punteiras no sector agroalimentario e da lousa, o turismo ou o termalismo ourensán que concentra o maior potencial de España. Con 66 municipios, Ourense é a provincia con máis Concellos Emprendedores, case a metade do total de Galicia (152).

 

Por esta mesma razón deséñase o Novo Plan Estratéxico da Tecnópole 2022-2024 para “renovar a fortaleza deste espazo de talento, de innovación e de progreso empresarial”. O presidente da Xunta de Galicia resumiu o plan en cinco liñas principais: a ocupación e creación de novos espazos; a formación, comunicación e márketing; a sustentabilidade, a innovación e o desenvolvemento empresarial.

 

O titular do Goberno galego salientou que “a FP é imprescindible” e que coa modalidade dual pode alcanzar a práctica inserción plena dos seus titulados. Deste xeito, Ourense albergará o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, que en abril licitou o seu equipamento por 1,4 M€.

 

Alfonso Rueda referiuse tamén aos bos datos de colocación laboral que se coñeceron esta mañá, xa que a Comunidade galega conta con 140.000 desempregados rexistrados, a terceira cifra máis baixa da serie histórica e o mellor mes de xuño desde que hai rexistros.

 

O presidente do Goberno galego apelou á unión para seguir mantendo ese ritmo de emprego e para afrontar os retos que se presentan no eido económico. Por iso animou á CEO, ao tecido empresarial e a todas as administracións a traballar man a man coa Xunta para afrontar a crise de prezos e a incerteza económica. “Non podemos perder de vista o que estamos experimentando e o que se aveciña nos vindeiros meses. Non son poucos os retos que temos, nin doados de afrontar”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/07/2022