A Xunta leva apoiados 61 proxectos de pemes de Lugo este ano a través do programa reacciona

Suman 227.000 euros en axudas, facilitando o acceso a servizos co asesoramento de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a dixitalización e a innovación

Lugo, 5 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O programa ReAcciona, impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, leva apoiados 61 proxectos en Lugo nas tres resolucións aprobadas no primeiro semestre do ano, o que permitiu mellorar a competitividade das pemes beneficiadas grazas a un investimento global en axudas de 227.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta vén de publicar a terceira resolución do que vai de ano, que suma na provincia achegas por importe de 76.130 euros destinadas a 21 empresas.

 

O programa ReAcciona promove servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levan a cabo proxectos vinculados ao desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou o márketing de contidos.

 

Entre os servizos máis demandados en Lugo, as empresas solicitaron diagnósticos centrados no financiamento da innovación e na dixitalización, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio no márketing. Tamén se realizan análises do potencial competitivo e da mellora da xestión financeira das empresas, e   asesoramento para o relanzamento comercial.

 

Os servizos do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

 

A Xunta de Galicia cobre un mínimo do 75% do custo para a peme, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster.

Data de actualización: 05/07/2022