O presidente da Xunta participou no acto de entrega da acreditación do Campus Terra de Lugo como campus de especialización

Rueda sitúa os campus universitarios de especialización como referentes na docencia, na investigación e no tecido de sinerxías cos sectores produtivos galegos

Anuncia que o Consello da Xunta ten previsto aprobar unha inversión de 4M€ no Campus Terra de Lugo, que se suma aos 8,7M€ destinados a este campus de especialización desde a súa creación no ano 2013

Destaca que a posta en marcha do Plan Operativo do Campus Terra 2021-25 permitirá facer desta área de especialización “un referente científico e social nos ámbitos do coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra”
 

Lugo, 5 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sitúa os campus universitarios de especialización como referentes na docencia, na investigación e no tecido de sinerxías cos sectores produtivos galegos.

 

Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de entrega da acreditación do Campus Terra de Lugo como campus de especialización -o segundo de Galicia, tras o Campus Industrial de Ferrol- para anunciar que O Consello da Xunta aprobará un convenio coa USC para a posta en marcha do Plan Operativo do Campus Terra 2021-25, que permitirá seguir traballando no obxectivo de convertelo “nun referente científico e social nos ámbitos do coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental dos recursos da terra”.

 

A Xunta de Galicia leva investidos 23 millóns de euros nos campus de especialización galegos, dos que 8,7 millóns foron para o Campus Terra, ao que agora se sumarán outros 4 millóns co obxectivo de planificar unha folla de ruta baseada na docencia, investigación, interacción co tecido produtivo, gobernanza e transparencia, e que fará especial fincapé na produción vexetal e na agricultura sustentable, na produción e saúde animal, na alimentación segura e saudable e na xestión forestal sustentable.

 

Esta nova inversión permitirá avanzar na interacción co tecido produtivo, tendo en conta que nos anos previos á súa acreditación, o Campus Terra foi quen de asinar un total de 422 contratos e convenios con distintas institucións, captou recursos por valor de 9,5 millóns e obtivo 182.500 euros por ingresos de explotación de licencias de patentes.

 

O presidente da Xunta salientou o esforzo emprendido nos últimos anos polo Sistema Universitario Galego (SUG) na transferencia do coñecemento. “É a sociedade galega a que financia a universidade e a universidade ten que corresponder devolvéndolle parte deses beneficios en forma de coñecemento”.

 

Nese obxectivo se enmarcan os campus de especialización, cada un deles cunha personalidade propia estreitamente ligadas ás potencialidades económicas da súa contorna. No caso do Campus Terra de Lugo, vencellado a áreas como a agricultura, a gandería e o sector forestal”, áreas socieconómicas de referencia para a súa contorna e para o seu ámbito de actuación. “É a maneira de facer país e de mirar polo futuro da nosa terra -indicou Alfonso Rueda-. Desde a leira ao laboratorio e viceversa, con total naturalidade”.

 

A Universidade que quere Galicia

 

O presidente da Xunta encadrou esta nova inversión no modelo de universidade no que Galicia leva tempo traballando, con actuacións que perfilarán o futuro do ensino superior como o novo mapa de titulacións universitarias, a estabilidade da carreira científica, o plan de financiación do SUG ou o mantemento un ano máis, e xa van doce, do prezo das matrículas para facilitar o acceso á universidade pública.

 

“A universidade ten que ser, e xa é, a panca de cambio que nos guía á Galicia de mañá, e nese futuro, o Campus Terra de Lugo xogará un papel fundamental”, dixo Rueda. 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/07/2022