Xunta, universidades e Eurorrexión constitúen o Nodo Galicia para situar a comunidade á vangarda europea en intelixencia artificial

O Nodo promoverá a candidatura de Galicia para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación presidiu hoxe a constitución da Comisión de Seguimento do Nodo galicIA

O Nodo aprobará o marco ético que elaboran conxuntamente a Xunta e as tres universidades públicas que permitirá facer os cambios necesarios para adaptar a lexislación de Galicia a esta nova realidade

O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou o Foro no que participaron a eurodeputada e co-presidenta do Intergrupo de Intelixencia Artificial e Dixital do Parlamento Europeo, Pilar del Castillo e a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inaugurou hoxe o acto de constitución do Nodo galicIA, a primeira estrutura de colaboración transfronteiriza para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

 

O obxectivo do Nodo presentado hoxe é concentrar a todos os axentes públicos e privados relacionados con esta tecnoloxía e establecer as bases dunha Intelixencia Artificial ética e fiable para Galicia. Terá tamén como obxectivo situar á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un referente no ecosistema europeo e internacional de Intelixencia Artificial e actuar como un xerador de iniciativas e servizos innovadores desde unha perspectiva ética.

 

Ao longo da presentación realizada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, explicáronse os obxectivos deste nodo, así como as principais liñas de actuación. Así, dentro das primeiras actividades acordadas, o Nodo promoverá a presentación dunha candidatura de unidade para que Galicia acolla a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.

 

Esta estrutura de colaboración será tamén a encargada de aprobar o marco ético que están a elaborar a Xunta e as tres universidades públicas. Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá facer os cambios necesarios para adaptar a lexislación galega a esta nova realidade.

 

Por outra banda, o Nodo será o encargado de constituír o Comité de Expertos en Intelixencia Artificial, que proporcionará asesoramento e recomendacións independentes sobre as medidas a levar a cabo para garantir un uso ético destas tecnoloxías. Así mesmo, será o encargado de definir o Comité de Avaliación de Iniciativas de GovTech, para a aplicación da Intelixencia Artificial no sector público.

 

O convenio para a constitución do Nodo foi asinado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; e Sanidade, Julio García Comesaña; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e polo director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), Nuno Almeida.

 

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, subliñou que esta iniciativa permitirá universalizar o uso da intelixencia artificial no ámbito sanitario, económico e dos servizos públicos. Así mesmo, engadiu que contribuirá a dar a prioridade necesaria a proxectos que aposten pola captación e a retención de talento e o crecemento sustentable do tecido empresarial.

 

Comisión de seguimento

Xunta, Universidades e GNP-AECT participaron esta mañá na primeira reunión da Comisión de Seguimento do Convenio, que continuou cunha sesión técnica sobre “As visións europea e estatal do futuro das tecnoloxías intelixentes”, clausurada polo conselleiro de Facenda e Administración Pública.

 

Durante a súa intervención, Miguel Corgos lembrou que o nodo galicIA é o elemento vertebrador da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que integra a vontade de camiñar cara a unha Galicia Intelixente, cun investimento público de máis de 330 millóns de euros e que xerará un importante impacto na creación de riqueza.

 

Así mesmo, incidiu en que este nodo nace co obxectivo de ser o espazo de encontro e de consenso de todas as iniciativas que xurdan ao redor das tecnoloxías intelixentes na Comunidade. Ademais, esta colaboración permitirá a posta en marcha de infraestruturas, servizos, ferramentas e aplicacións que permitan o seu despregue, a capacitación e formación da cidadanía, empresas e administracións públicas nestas tecnoloxías.

 

Na sesión participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a eurodeputada e co-presidenta do Intergrupo de Intelixencia Artificial e Dixital do Parlamento Europeo, Pilar del Castillo. O acto contou tamén cun saúdo da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/07/2022