A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou en MeteoGalicia o balance da calidade do aire na Comunidade

A Xunta aposta pola continua mellora e modernización das estacións da Rede de Calidade do Aire de Galicia cun investimento de 1,7 M€

Ángeles Vázquez incide en que os valores límite para a protección da saúde humana non se superaron en ningunha das estacións en 2021
 

Galicia mantivo o pasado ano unha axeitada calidade do aire tanto nas cidades como nas áreas rurais e industriais e mantéñense as melloras rexistradas en 2020 debido á pandemia sanitaria
 

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta aposta pola continua mellora e modernización das estacións da Rede de Calidade do Aire do Galicia, polo que, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vai investir 1,7 millóns de euros no seu mantemento e actualización.

Así, o Goberno galego vén de publicar o pasado mes de xuño un novo contrato para o servizo de mantemento do equipamento destas estacións por 4 anos cun orzamento de 1,5 millóns de euros e nos vindeiros meses investiranse máis de 260.000 euros na subministración, instalación e posta en marcha de analizadores de medida de contaminantes gaseosos e particulados.

Durante a presentación dos resultados do último informe anual realizado por MeteoGalicia, a conselleira puxo en valor que a Comunidade mantivo en 2021 unha axeitada calidade do aire tanto nas cidades como nas áreas rurais e industriais e, ademais, mantivo as melloras rexistradas en 2020 debido á pandemia sanitaria. “En ningunha das estacións se superaron os valores límite para a protección da saúde humana”, aseverou Ángeles Vázquez.

Ademais de que a avaliación fose máis favorable que en anos anteriores para diversos contaminantes, os valores de concentración rexistrados en 2021 nas 49 estacións repartidas polo territorio galego cumpriron todos os requisitos fixados pola lexislación vixente.

Balance dos últimos cinco anos

A conselleira tamén analizou os datos sobre a calidade do aire en Galicia nos últimos cinco anos, un período no que se rexistrou unha mellora continua tanto no relativo ao dióxido de xufre como no dióxido de nitróxeno. E, no que respecta ao monóxido de carbono, toda a poboación galega está por debaixo dos niveis mínimos de concentración.
 
No tocante ás partículas, cómpre sinalar que, logo de varios anos de empeoramento progresivo, en 2021 se reforzou a mellora rexistrada en 2020 baixando a poboación exposta, algo similar ao que ocorre coas partículas en suspensión de menos de 2,5 micras -as procedentes das emisións de vehículos diésel-, que manteñen os valores dos últimos anos, estando o 72% da poboación por debaixo do limiar inferior de avaliación.
 
Segundo dixo Ángeles Vázquez, “estes datos veñen a corroborar que a calidade do aire en Galicia é boa”, pero a Xunta seguirá a traballar, no marco da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e do Plan Verde Europeo, para avanzar na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e no cumprimento do obxectivo da neutralidade climática.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/07/2022