Xunta e Universidade de Vigo van seguir impulsando as súas liñas de colaboración no Campus de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantivo unha reunión de traballo esta mañá na Casa das Campás co reitor, Manuel Reigosa, e a nova vicerreitora do Campus pontevedrés, Eva María Lantarón

Compartir
  • whatsapp

Pontevedra, 6 de xullo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López mantivo esta mañá unha reunión de traballo na Casa das Campás co reitor da Universidade de Vigo (UV), Manuel Reigosa, tras a súa recente reeleción neste cargo para os vindeiros catro anos, e coa nova vicerreitora do campus pontevedrés, Eva María Lantarón.

A xuntanza, dirixida a abordar as liñas de colaboración entre as dúas institucións, tamén tiña como obxecto tratar tanto as iniciativas “xa en marcha” como os “proxectos que temos para o campus”, como explicou Reigosa, que agradeceu o apoio amosado polo delegado territorial para o impulso de múltiples iniciativas.
 
“A reunión enmárcase dentro dunha liña de contacto que queríamos manter a efectos de seguir impulsando proxectos e liñas de colaboración coa Universidade”, engadiu López, que aproveitou a xuntanza para “darlle os parabéns” a Reigosa e Lantarón tras os seus nomeamentos, á vez que para poñer de relevo o papel da Universidade de Vigo e do campus pontevedrés como un elemento “vital, que axuda a construír cidade e provincia”.
Alén doutras liñas de traballo conxunto, a xuntanza serviu tamén para abordar unha colaboración en materia de utilización de espazos que, como explicou Reigosa, levará “moi probablemente” á sinatura “en breve” dun convenio de colaboración para o uso conxunto de varias instalacións, “que vainos permitir servir á cidadanía dun xeito moito mellor en distintos actos”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022