A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda preside en Ourense o encontro informativo #ConstruíndoFogar

A Xunta anuncia a convocatoria nos vindeiros días de 2 liñas de axudas para concellos e particulares por un importe global de 26,5 M€

O programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 M€, está dirixido a cidadáns e entidades locais

A semana que vén tamén se convocará o Bono de alugueiro social, co que se mobilizarán ata o ano 2026 preto de 15 M€ para cubrir o 100% do custo do arrendamento da vivenda habitual dos colectivos máis vulnerables

Avanza que desde o pasado venres rexistráronse máis de 4.000 solicitudes do Bono alugueiro mocidade

Ourense, 6 de xullo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia convocará nos vindeiros días 2 liñas de axudas para concellos e particulares por un importe global de 26,5 millóns de euros. Así o explicou hoxe en Ourense a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que percorre diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Acompañada polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e ao redor de 200 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 92 concellos da provincia de Ourense, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará o seu departamento este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 M€ para actuar no eido residencial.

Neste sentido a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a aproveitar o orzamento dispoñible e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta provincia.

Ao respecto, referiuse á inminente convocatoria do programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 M€. Dirixido a cidadáns e entidades locais, ten o obxectivo de axudalos a actuar sobre ámbitos municipais concretos. Ademais, as actuacións en Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e Áreas Rexurbe poderán financiarse tamén a través deste programa, grazas ás xestións realizadas pola Xunta.

 

Deste xeito, os particulares poderán acadar o 80% do investimento -cun límite de 21.400 euros por vivenda- para mellorar ou rehabilitar as súas vivendas para obter un aforro enerxético de, polo menos, o 30%. Os concellos poderán realizar actuacións complementarias de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física no ámbito delimitado. Para servizos de oficina de rehabilitación —como as actuais das ARI— que faciliten a xestión das actuacións poderán recibirata 800 € por vivenda rehabilitada.

Ademais, a semana que vén tamén se convocará o Bono de alugueiro social, co que se mobilizarán ata o ano 2026 preto de 15 millóns de euros para cubrir o 100% do custo do arrendamento da vivenda habitual dos colectivos máis vulnerables da Comunidade.

A conselleira tamén fixo balance da resposta da cidadanía tras a convocatoria do Bono alugueiro mocidade e avanzou que desde o pasado venres se rexistraron máis de 4.000 solicitudes por parte do colectivo de entre 18 e 35 anos para acceder a unha axuda mensual de ata 250 euros para o pago da renda da súa vivenda habitual.

 
Bo ritmo de solicitudes
Así mesmo, a conselleira incidiu na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación de vivendas, outro dos apartados nos que en 2022 está previsto mobilizar un número importante de axudas directas e incentivos para apoiar a concellos e cidadáns no impulso de actuacións para a recuperación do patrimonio xa construído.
 
Por outra banda, fixo fincapé nun programa de especial relevancia para a provincia de Ourense e dirixido tamén aos menores de 35 anos: os incentivos a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico. Trátase dunha das liñas de apoio á adquisición de vivenda previstas para este ano e está pensada especificamente para concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que poderán solicitarse en case o 95% dos municipios da provincia.
 
Cun orzamento inicial de 2,55 millóns de euros, unha vez se publique a convocatoria, os mozos que queiran comprar a súa vivenda habitual no rural terán dereito a pedir unha axuda de ata 10.800 euros.
 
Guía informativa á disposición dos cidadáns
Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva de Ourense.
 
Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.
 
Así mesmo, tamén se informou aos asistentes de que teñen á súa disposición a nova Oficina de rehabilitación de vivenda da Xunta en Santiago, que ofrece atención tanto presencial como telefónica; e que está dispoñible en formato dixital unha guía informativa sobre os distintos programas de axudas específicos para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar neste enlace.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/07/2022